As estradas pontevedresas cobraron nas últimas horas unha nova vida. Ocorreu en Ponte Caldelas, no quilómetro 7 da PO-244.
O accidente produciuse onte á noite no lugar de Silvoso, sobre as 23:20 horas, segundo informou o 112 Galicia.
Un condutor que circulaba por esa estrada perdeu o control do coche e, tras chocar contra unha árbore, caeu por un pequeno terraplén.
O falecido é un mozo de 29 anos natural de Soutomaior.
No coche viaxaba outra persoa, un mozo de 26 anos que resultou ferido.
Os servizos de emerxencias non tiveron que excarcerar ás vítimas, xa que ao chegar estaban xa liberadas.
Con todo, un deles perdeu a vida tras o accidente, sen que o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 puidese facer nada para evitar o seu falecemento.
O outro ocupante do turismo foi evacuado ao hospital polo persoal sanitario.
Até o lugar desprazáronse tamén bombeiros do parque comarcal de Bueu e axentes da Garda Civil de Tráfico para colaborar co dispositivo.