Morren tres mariñeiros do Morrazo nun accidente de tráfico en Namibia

Bueu
31 de outubro 2025
Actualizado: 13:59

Os falecidos, todos eles da comarca do Morrazo, eran o xefe de máquinas, o patrón e o contramaestre dun barco dedicado á pesca do róbalo, a coñecida como pescada negra

Porto de Walvis Bay, en Namibia
Porto de Walvis Bay, en Namibia / Namibian Ports Authority

O sector do mar volve tinguirse de loito. Esta vez, non cun naufraxio en alta mar, senón como consecuencia dun accidente de tráfico que ocorreu en Namibia.

Tres mariñeiros galegos perderon a vida cando se dirixían en taxi ao porto de Walvis Bay, ao oeste do país africano.

Os falecidos, todos eles da comarca do Morrazo, eran o xefe de máquinas, o patrón e o contramaestre dun barco dedicado á pesca do róbalo, a coñecida como pescada negra.

Chegaran horas antes ao aeroporto de Windhoek, a capital de Namibia. Alí colleron este taxi que debía trasladalos ao porto para embarcar.

A estrada pola que se desprazaban, segundo as fontes consultadas, estaba en moi malas condicións e carecía dos servizos elementais.

Ao parecer, o vehículo no que viaxaban chocou con outro que saltou a mediana.

O condutor do taxi faleceu tamén, segundo confirmou a Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI).

Esta noticia causou unha gran conmoción en toda a comarca do Morrazo.