Os técnicos da comisión permanente de investigación de accidentes e incidentes marítimos (CIAIM) téñeno claro. O Villa de Pitanxo ía "sobrecargado" cando afundiu no Atlántico, a 250 millas de Terranova (Canadá) en febreiro de 2022.
E non só iso. Tras analizar as causas do incidente, achacan ao comportamento do patrón, Juan Padín, as graves consecuencias do naufraxio, no que morreron 21 persoas. Só se salvaron o propio Juan Padín, o seu sobriño, Eduardo Rial, e un dos mariñeiros, o ganés Samuel Kwesi.
Esas son as principais conclusións do informe da CIAIM, ao que tivo acceso PontevedraViva, que solicitou o xuíz que instrúe a causa, o maxistrado Ismael Moreno, titular do xulgado central número 2 da Audiencia Nacional.
En concreto, sosteñen que o buque afundiu como consecuencia da inundación "progresiva e incontrolada" dos seus espazos interiores durante a virada da arte de pesca no medio dun forte temporal, algo que "lle fixo perder flotabilidade e estabilidade".
A CIAIM considera que "o máis probable" é que a auga entrase, principalmente, a través da tolva de desperdicios do parque de pesca, progresando a continuación polas entrepontes de carga e polo resto de espazos interiores do barco,
Entre os factores que contribuíron a que se producise a inundación e, por tanto, a escora e afundimento do buque, os técnicos coinciden en que a Villa de Pitanxo ía "sobrecargado" e o seu peso excedía os valores recollidos no seu libro de estabilidade.
Se iso foi así, aseguran os expertos da comisión, foi porque nin o patrón nin a casa armadora "controlaron ese maior peso", porque se fixeron modificacións no buque para poder cargar máis combustible e porque os seus calados "eran maiores dos autorizados".
Isto provocou, no momento de afundimento, que o punto polo que entrou a auga "quedara máis preto da superficie do mar", causando que aumentasen a frecuencia dos embarques de auga e a cantidade que embarcaba no Pitanxo debido ao mal tempo.
A iso suman que "non se tomaron medidas precautorias no buque ante a posibilidade de ter que realizar unha virada en condicións meteorolóxicas moi adversas" e que non houbo "ordes concretas" previas á virada para garantir a seguridade do buque.
As manobras ordenadas por Padín, continúa o informe da CIAIM, para liberar a espichada en pleno temporal "aumentaron a inmersión dos puntos de posible inundación do parque de pesca e favoreceron que a forte ondada alcanzase ao buque por popa".
Nesta última fase da manobra, o patrón fixo unha valoración "insuficiente ou inadecuada" de como se atopaba o buque e a súa orde, xa coa auga entrando, para retomar a navegación "fixo empeorar a situación a bordo" ao aumentar a escora cada vez máis.
Esta progresiva inundación orixinou que o buque zozobrara e que se parase o motor, facilitando con iso a entrada de auga aos espazos interiores por todas as aberturas posibles, o que provocou o seu afundimento en poucos minutos desde a orde de abandono.
Con respecto a esta orde para desaloxar o barco, o informe apunta a que a maneira en que se produciu o abandono do buque "contribuíu ao elevado número de vítimas".
Juan Padín, segundo os técnicos do CIAIM, ordenou o abandono "demasiado tarde" e non adoptou medidas para preparalo porque "non valorou correctamente a situación de risco á que se enfrontaba" ata que o motor do barco parou e quedou sen capacidade de manobra.
Xa co barco "totalmente inundado e perdido", relatan os expertos, "non houbo tempo material" para un abandono "ordenado" ou para que os mariñeiros alcanzasen os puntos onde estaban as balsas cos traxes de inmersión e os chalecos salvavidas postos.
Ningún dos tripulantes que foron ao camarote a buscar o traxe de inmersión puido alcanzar a balsa salvavidas, salvo un; e dos poucos que puideron alcanzar esta balsa só dous levaban o traxe posto: o capitán, que o tiña na ponte; e o seu sobriño.
Tamén subliñan que esta tardía orde de evacuación provocou danos na balsa, o que acelerou a hipotermia dos mariñeiros que embarcaron e que, na súa maioría, acabaron falecendo.
Censuran, por outra banda, que a configuración das vías de evacuación no buque e a localización dos traxes de inmersión "puido dificultar" que os mariñeiros se salvasen.
A CIAIM, no seu extenso informe -173 páxinas- tamén advirte de que na Villa de Pitanxo non había procedementos de traballo "seguros e consolidados" ou que non se exercía unha supervisión "eficaz" sobre as tarefas dos tripulantes, dez deles "novos a bordo".
O barco, a maiores, "non estaba autorizado para navegar en zonas de formación de xeo".
Ademais, apuntan a unha fatiga acumulada dos mariñeiros polos "exixentes" horarios de traballo ou os "exiguos" tempos de descanso, o que "con seguridade afectou á súa capacidade cognitiva", ou que varios deles padecían covid-19 no momento do naufraxio.