Mosquera: "Corremos o risco de que a Ence Borroka nos deteriore esta magnífica convivencia que temos na cidade"

Pontevedra
12 de marzo 2021

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra e concelleiro da corporación municipal afirma que a acción realizada por traballadores de Ence durante este xoves no Concello vai en contra dos intereses do propio persoal da fábrica ao entender que ningún alcalde que estude unha posible acollida futura de Ence quererá meter "un becho fastidiado"

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra
César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra e concelleira do BNG no Concello de Pontevedra, mostraba a súa preocupación pola acción realizada por un grupo de traballadores de Ence e auxiliares, convocados polo sindicato Comisións Obreiras, durante este xoves á saída de integrantes da corporación municipal.

Mosquera indicou que este grupo tamén estivo a dar voltas coa intención de "asaltar a Deputación" e sinalou que os grandes prexudicados por este tipo de incidencias son as persoas que traballan en Ence ou para a fábrica de Lourizán

Neste sentido manifestaba o vicepresidente provincial que a única vía real de manter os postos de traballo no futuro é a través dun traslado, porque a empresa non pode ocupar un espazo público marítimo terrestre "que conseguiu coa prórroga fraudulenta", apuntaba Mosquera. Pero os incidentes deste xoves provocarán, segundo o representante do BNG, que sexa difícil que aqueles alcaldes dispostos a aceptar un traslado no futuro manteñan unha postura aberta porque "é meter un becho fastidiado".

Cualificou estas accións como propias da "Ence Borroka" e aclarou que se a "Kale Borroka facía o que facía, todos sabiamos quen estaba detrás" e, neste caso, culpou o Partido Popular e á dirección da propia empresa de estar detrás do "asalto á alcaldía".

En relación con estas acusacións indicou que non é posible que xente que está a traballar apareza polo Concello pontevedrés en horas laborables. "Alguén o pagará. Se non van traballar, os despidirían. Alguén está financiando este tipo de actuacións e ten nome e apelidos: Ence e o PP", indicou. 

"Se Colmenares dixese: quen faga estas cousas, mañá non traballa máis para Ence; xa nin se plantexaba", manifestou César Mosquera sinalando que vendo o vídeo de Ignacio de  Colmenares, presidente de Ence, "calquera se dá conta de cal é o talante". 

Sobre o PP, o vicepresidente acusou a Rafa Domínguez de acudir ata o Concello para animalos, aínda que despois publicase un tweet sinalando que "non sabía a que ían. Se non sabía a que ían entón é máis parvo do que parece. Claro que o sabía".

Mosquera espera que agora que Ignacio de Colmenares mostra a súa disposición a unha mesa de diálogo mande a estes colectivos de traballadores que paren estas accións de protesta. "Se non, esta Ence Borroka corre o risco de que nos deteriore esta magnífica convivencia que temos na cidade de Pontevedra, esta tranquilidade", sentenciou o vicepresidente da  Deputación.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora