Mosquera afirma que o peche de Raíña Vitoria evita grandes atascos relacionados co corte na Barca

Pontevedra
09 de decembro 2025

O concelleiro de Mobilidade cifra nun 50% a caída de vehículos na saída cara a Poio, o que permite á cidade funcionar "lonxe do nivel de estrés" e sinala que se evitaron colas de cinco quilómetros

Obras na rotonda da Barca cun vehículo accedendo a Pontevedra pola ponte
Obras na rotonda da Barca cun vehículo accedendo a Pontevedra pola ponte / PontevedraViva

O corte dun carril de entrada na Avenida da Barca cara a Andurique en Poio, na estrada PO-308, vixente desde hai arredor dun mes, non está a provocar o colapso circulatorio que se viviu en ocasións anteriores.

Esta situación foi analizada este martes polo concelleiro de Mobilidade de Pontevedra, César Mosquera, quen atribuíu esta "ausencia de problemas" dentro da cidade directamente ao peche ao tráfico de Raíña Vitoria e á reordenación da circulación.

Segundo os datos municipais, a saída cara a Poio soporta agora arredor de 7.000 vehículos ao día, o que evita que a rede viaria colapse ante imprevistos ou as obras que se están a acometer en Poio.

Mosquera compareceu tras a comisión de Infraestruturas para explicar a "matemática" detrás desta fluidez. O edil lembrou que, en obras anteriores no mesmo punto, as retencións chegaban á estación de tren e a Otero Pedrayo, paralizando os cruces e causando un caos de tráfico.

"Naquel momento estaba aberta Raíña Vitoria e Alfonso XIII, e saían cara á Barca uns 14.000 ou 15.000 vehículos diarios. Agora, con Alfonso XIII sen circulación, achéganse por Echegaray uns 7.500", detallou.

Tráfico na ponte da Barca este martes 9 de decembro
Tráfico na ponte da Barca este martes 9 de decembroPontevedraViva

Esta redución do 50% no volume de tráfico é a clave. "750 coches de retención son como cinco quilómetros de cola", ilustrou Mosquera.

Ao eliminar esa carga, a cidade "funciona lonxe do nivel de estrés" e soporta mellor as incidencias, malia que na zona de Poio si se noten axustes co desvío de tráfico cara á Caeira.

O concelleiro nacionalista ratificou que o desvío por Eduardo Pondal e o peche de Raíña Vitoria "están a axudar" e funcionan, aínda que recoñeceu que o tráfico na Alameda e Echegaray segue sendo "excesivo" e búscanse solucións.

César Mosquera, concelleiro de Mobilidade
César Mosquera, concelleiro de MobilidadeConcello de Pontevedra

NOVOS PRAZOS PARA AS OBRAS DE MOLLAVAO E O GAFOS

Á marxe do tráfico, Mosquera avanzou novidades nas grandes infraestruturas pendentes. Sobre o bypass de Mollavao, este mércores abriranse as propostas das seis empresas presentadas.

Tras os trámites de adxudicación e reclamacións, o concelleiro estima que, nun "horizonte normal", as obras comezarán no mes de abril de 2026.

Pola súa banda, o proxecto para destapar o río Gafos agarda comezar en febreiro, sempre que o Tribunal de Contratación da Xunta non poña impedimentos, apuntou.

De cumprirse as previsións, Mosquera augura unha primavera de 2026 con "moita obra en marcha" na cidade.

A comisión de Infraestruturas aprobou, cos votos de BNG e PSOE e a abstención do PP, o ditame sobre a Vía Verde proposto polos socialistas