As obras da Barca traerán cambios de tráfico a partir do martes: haberá sentido único

Poio
03 de novembro 2025

O Concello de Poio coordinou un plan de tráfico coa Xunta de Galicia, o Concello de Pontevedra, a Garda Civil, a Policía Local, empresas locais e a adxudicataria para minimizar as molestias

Pranta de sinalización da obra na Barca
Pranta de sinalización da obra na Barca / PontevedraViva

Nova fase das obras de urbanización e humanización da PO-308, no treito comprendido entre A Barca e o Casal de Ferreirós, que agora traerán también cambios na circulación. 

A partir deste martes, 4 de novembro, comezará a aplicarse un plan de tráfico alternativo, que establecerá un carril con sentido único de circulación desde Poio cara a Pontevedra.

Este plan de tráfico funcionará durante a execución das obras e ten como obxectivo compatibilizar a execución coa seguridade viaria, a fluidez do tráfico e a convivencia veciñal, procurando sempre minimizar as molestias para a cidadanía.

Para os vehículos que precisen saír de Pontevedra desde a Ponte da Barca, habilitaranse itinerarios alternativos: poderán desprazarse pola Caeira ou polo nó dos Bombeiros, subindo polo polígono do Bao, bordeando toda a parte superior de Poio para saír pola zona da antiga Coca-Cola, na avenida Antelo Mariño e a rotonda onde está situada a panadaría Acuña. 

Os vehículos de mercancías desviaranse desde a estrada de Vilagarcía polo polígono do Bao, evitando así a zona da Barca.

Durante todo o proceso, contarase cunha sinalización clara en todos os accesos, informando dos itinerarios alternativos habilitados. 

O plan foi consensuado polo Concello de Poio con representantes da Xunta de Galicia, do Concello de Pontevedra, da Garda Civil, da Policía Local, da empresa adxudicataria e de empresas locais.

O Concello destaca que este plan é un documento vivo, susceptible de adaptación segundo evolucionen os traballos ou cambien as necesidades.

O proxecto de humanización da PO-308 inclúe a ampliación de beirarrúas (mínimo 2,5 metros), instalación de elementos de calmado de tráfico, mellora de servizos urbanos, mobiliario público, novas zonas asistenciais, infraestruturas para transporte público e praza de aparcamento para persoas con mobilidade reducida.