O concelleiro César Mosquera lamentou que "seguimos no mesmo sitio" despois de vinte anos "facendo barullo" coa dragaxe do Lérez.
Nunha rolda de prensa ofrecida este mércores, o edil nacionalista lembrou que no ano 2006, a dragaxe do río xa era un asunto que estaba sobre a mesa, de tal xeito que se desenvolveron uns estudos previos a calquera posible intervención, realizados por Portos de Galicia, sendo presidente deste ente público Vicente Irisarri.
Segundo explicou, aqueles estudos deron conta da presenza de metais pesados (chumbo, mercurio e ferro) nos áridos.
"Isto supón non que os áridos sexan perigosos, pero si que deben ser tratados con cautela e seguindo a normativa", indicou Mosquera.
"Xa naquel momento foi comentada que a mellor solución era tratalos en terra", lembrou.
Mosquera insistiu que isto aconteceu hai xa case 20 anos "e aquí estamos de novo" e subliñou que "é evidente que hai solucións".
O concelleiro dubida que estes metais pesados deixaran de estar por si sós nos áridos do río e comentou que agora "estamos nas mesmas: á espera de informes e estudos que digan o que previsiblemente xa sabemos. Xa van vinte anos facendo barullo con este tema. Semella que moita gana de facer a dragaxe non hai".
Mosquera indicou que a dragaxe do Lérez continúa a dar voltas "dun lado para outro, dun estudo cara outro".
O edil adiantou que, en principio, e dependendo das emendas, tal e como está a moción que se leva a pleno o luns polo Partido Popular, "non pode ser votada a favor, non ten sentido".
"Está claro que non hai interese en levalo a cabo. Ese é o problema de fondo desde o primeiro momento", rematou Mosquera.