Un motorista falece de madrugada ao sufrir un accidente na PO-11 á altura de Ence

Pontevedra
20 de outubro 2025
Actualizado: 11:41

O corpo do piloto foi rescatado da auga polos bombeiros de Pontevedra, pasadas as 05.15 horas deste luns 20 de outubro

PO-11, á altura de Ence
PO-11, á altura de Ence / Mónica Patxot - Arquivo

Un motorista faleceu esta madrugada tras sufrir un accidente na vía pola costa a Marín (PO-11), á altura da fábrica de Ence en Lourizán, cando circulaba en sentido Pontevedra-Marín. Tras o accidente, a vítima caeu á ría, segundo o 112 Galicia

Os servizos de emerxencia foron alertados arredor das 05:15 horas por un sinistro de tráfico.

Unha vez na zona, atoparon unha motocicleta accidentada pero sen rastro do seu ocupante.

Tras unha busca, o motorista foi localizado na auga, a uns 30 metros da costa.

O equipo de rescate acuático dos bombeiros do Parque Municipal de Pontevedra procedeu á recuperación do corpo, que foi posteriormente posto a disposición da autoridade xudicial.

A Garda Civil investiga as causas que provocaron o grave accidente.

O home falecido era veciño de Marín e tiña 29 anos.

A primeira alerta sobre o suceso produciuse pouco antes das cinco da madrugada mediante unha chamada ao 112 Galicia dun condutor que circulaba pola PO-11, en Pontevedra, e sorprendeuse por unha moto sinistrada entre o carril dereito da autoestrada e a beiravía, pero era incapaz de ver onde estaba o piloto

Segundo indica o 112 Galicia, cando se producía a alerta foron informados os efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, axentes da Policía Local, que, minutos despois, atoparon o motorista caído na ría.

Deste xeito, preparouse un rescate no espazo acuático, no que interviron os Bombeiros de Pontevedra. Tamén se solicitaba a colaboración de Salvamento Marítimo para tentar rescatar o corpo sen vida do motorista, que finalmente era recuperado polos bombeiros do parque municipal.

SETE FALECIDOS

Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra, afirmaba que o home circulaba nunha motocicleta de 125 centímetros cúbicos e, por razóns que se descoñecen, perdeu a traxectoria e arrastrouse durante case 100 metros contra a barreira metálica, caendo á ría e falecendo no acto a causa do impacto.

Segundo os datos que manexa a Subdelegación, neste 2025 xa son sete os usuarios de vehículos de dúas rodas que perderon a vida na provincia: seis motoristas e un ciclomotorista.

Abel Losada amósase preocupado por estas cifras: “É unha cifra preocupante e que nos sitúa xa preto do número de falecidos durante todo o ano pasado, cando foron oito motoristas e tres ciclomotoristas respectivamente. Sen dúbida, a prolongación dos veráns con tempo cada vez máis seco está a incrementar o número de usuarios de dúas rodas nas estradas da provincia, e este factor relacionado co cambio climático explica en parte a maior mortalidade entre os motoristas”.

O subdelegado alerta os condutores de motos e ciclomotores para que extremen a precaución e teñan moi presente que son usuarios moi vulnerables, xa que é o seu propio corpo o que sofre o impacto dunha caída, por pequena que sexa.

Deste xeito, invítaos tamén a ter en conta que dous dos motoristas falecidos este ano non cometeron ningunha infracción e perderon a vida polas infraccións doutros condutores, insistindo así na necesidade de manter a máxima precaución.

“Temos entre todos que poñer fin a esta serie de accidentes mortais sobre dúas rodas, que cada vez teñen máis peso na estatística global de falecidos, ata o punto de que representan a metade das persoas que non regresan á casa”, concluíu Losada.