Mourente, tras os pasos de Salcedo: o seu plan integral de tráfico contará con 50 lombos

Pontevedra
15 de xuño 2017

Mourente será a segunda parroquia que conte cun plan integral de tráfico. O Concello decidiu continuar por ela unha estratexia, iniciada recentemente en Salcedo, para trasladar os estándares do modelo urbano ao rural. Así, apostarase por reforzar a seguridade viaria, mellorar a accesibilidade e acougar o tráfico nas áreas periurbanas

Alberte Oubiña, na presentación do plan integral de tráfico de Mourente
Alberte Oubiña, na presentación do plan integral de tráfico de Mourente / PontevedraViva

Mourente será a segunda parroquia que conte cun plan integral de tráfico. O Concello decidiu continuar por ela unha estratexia, iniciada recentemente en Salcedo, para trasladar os estándares do modelo urbano ao rural. Así, apostarase por reforzar a seguridade viaria, mellorar a accesibilidade e acougar o tráfico nas áreas periurbanas.

O concelleiro Alberto Oubiña, responsable da parroquia de Mourente, explicou que a principal medida que se adoptará será a instalación de 50 lombos, en zonas máis sensibles, e que foron acordados cos veciños en diferentes reunións ou que se aceptaron tras peticións particulares, "respectando sempre os criterios técnicos".

Investiranse, en total, uns 151.000 euros.

Con esta actuación, o goberno municipal espera mellorar a mobilidade peonil e ciclista en todo Mourente "facendo máis segura a vida dos veciños", creando espazos públicos nos que haxa unha maior seguridade e itinerarios peonís para desprazarse pola parroquia.

Esta actuación únese, lembrou Oubiña, aos case 700.000 euros que se investiron recentemente na reforma integral dos Campos, os accesos ao Casino Mercantil, Os Areás e a rúa do Costado, todas elas dentro dos límites de Mourente.

Tamén destacou que noutras zonas como Santa Margarida ou a Avenida de Lugo xa existen medidas de acougado de tráfico, polo que tampouco se actuará nelas.

Fóra deste plan quedarán tanto a contorna do colexio Vilaverde como a área de Montecelo, xa que o Concello de Pontevedra está a deseñar actuacións específicas para estes dous ámbitos, que incluirán unha reforma integral. A primeira delas será "inminente", explicou o edil do BNG. A segunda deberá esperar ás obras do novo hospital.