'Mulleres marcando o rumbo', lema para un mes activo arredor do 8M no Grove

O Salnés
05 de marzo 2025

O programa comeza o 8 de marzo ás 12.00 horas na Casa do Concello, cunha lectura do manifesto e a narración de contos arredor das mulleres. Finalizará o 30 de marzo cunha actuación de Isabel Risco

Bravas, de Isabel Risco
Bravas, de Isabel Risco / Deputación de Pontevedra

A concellería de Igualdade do Concello do Grove organiza unha serie de actividades ao longo do mes de marzo para conmemorar o 8M, Día Internacional das Mulleres, baixo o lema 'Mulleres Marcando o Rumbo'.

O obxectivo que se marca o goberno local é reivindicar, a través de diversos actos, os dereitos das mulleres e promover unha sociedade máis igualitaria.

O programa comeza o propio 8 de marzo ás 12.00 horas na Casa do Concello, cunha lectura do manifesto e a narración de contos arredor das mulleres.

A continuación, as comparsas "As Máis Plus" e "A Tropa de Moncha Caralla" actuarán para animar a xornada.

O 14 de marzo, ás 18.00 horas, terá lugar na Galería Besada a inauguración da exposición "Identidade Colectiva".

Pola súa banda, o día 16 está prevista unha andaina pola igualdade que sairá da Praza do Concello ás 10.00 horas.

O mes continuará co acto de entrega dos Premios Mesa da Igualdade, o 23 de marzo ás 19.00 horas no Auditorio Municipal, para recoñecer as contribucións pola igualdade.

Por último, o 30 de marzo ás 19.00 horas, o espectáculo "Bravas, con Isa Risco", obra da humorista e actriz Isabel Risco onde ofrece a súa especial mirada sobre a historia das mulleres galegas, sempre invisibilizadas, a través dunha fórmula irónica, divertida e profunda. Esta montaxe pechará as actividades tamén no Auditorio Municipal.