Multan con 1.000 euros un pontevedrés que ía borracho sobre un patinete eléctrico

Pontevedra
18 de febreiro 2019

Conducir borracho ten o mesmo custo se é en coche, sobre unha bicicleta ou cun patinete eléctrico. Iso si, as consecuencias non son as mesmas. É o que aprendeu este luns un mozo de Pontevedra, que foi interceptado pola Policía Local sobre un patinete cando triplicaba a taxa de alcoholemia permitida

Praza de Curros Enríquez
Praza de Curros Enríquez / Victoria Regueira

Conducir borracho ten o mesmo custo se é en coche, sobre unha bicicleta ou cun patinete eléctrico. Iso si, as consecuencias non son as mesmas. É o que aprendeu este luns un mozo de Pontevedra, que foi interceptado pola Policía Local sobre un patinete cando triplicaba a taxa de alcoholemia permitida.

O suceso produciuse nas inmediacións da praza de Curros Enríquez sobre as tres e media da tarde, segundo puido confirmar PontevedraViva.

Varias persoas alertaron á Policía Local que o dono do patinete ía circulando pola zona peonil da cidade de maneira errática e en aparente estado de embriaguez. Chegou mesmo a caerse dunhas escaleiras, segundo relatan algunhas testemuñas.

Os axentes, tras localizalo, fixéronlle a proba de alcoholemia que arroxou senllos positivos de 0.75 e 0.76 miligramos de alcol por litro de aire espirado, tres veces máis do límite legal establecido.

O mozo terá que pagar unha multa de 1.000 euros, a cantidade que recolle a administración para todo usuario dun vehículo que supere o 0.50 mg/l.

A diferenza do condutor dun coche que sexa sorprendido cun comportamento similar, a Dirección Xeral de Tráfico aclara que estes feitos non son considerados un delito penal senón que se reflicten como unha infracción administrativa.