Pontevedra acaba de pechar un "xuño de récord" no que a turismo se refire, cun balance de miles de visitantes animado pola celebración do World Multisport e o auxe do turismo nacional.
Así figura nun balance realizado pola concelleira responsable da empresa municipal Turismo de Pontevedra, Anabel Gulías, que indicou que a aposta por grandes citas deportivas e a promoción do modelo urbano "emerxen como eixes exitosos de captación de visitantes e de consolidación da Boa Vila como destino de estancias curtas".
No caso do Multisport, destaca que trouxo á cidade a miles de deportistas e acompañantes, "xente que planifica as súas vacacións en función do evento, e que aproveitan os días tamén para coñecer e gozar de Pontevedra ou percorrer a provincia, ademais de converterse, en moitos casos, en embaixadores da cidade".
Este tipo de visitantes son, para o Concello, "un perfil de turista interesante", xunto cos cada vez máis numerosos visitantes sénior, parellas ou familias que chegan á Boa Vila.
Os datos da Oficina de Turismo de Pontevedra confirman esta tendencia.
Así, durante o mes de xuño, detectouse un importante aumento do número de visitantes respecto ao mesmo mes do ano anterior. Ata a Oficina municipal de Turismo achegáronse 7.470 persoas (240 ao día) en busca de información. Supón un 34,28% máis que hai un ano.
O 74,59% dos visitantes era de orixe estatal, fundamentalmente de Madrid, Andalucía e A Rioxa. Do resto de España chegaron 5.572 persoas, un 25,2% máis que as rexistradas en xuño do 2024.
O 21,1% restante -1.898 persoas- tiña orixe foráneo, sendo os máis numerosos de Francia, Estados Unidos e Reino Unido.
No caso dos foráneos, o incremento foi supererio ao 70% en comparación con 2024.