O San Xoán de Cerdedo consolidouse como unha das celebracións máis multitudinarias do municipio, reunindo este martes 670 persoas entre veciños e visitantes.
As persoas asistentes participaron desde primeira hora da noite na tradicional cea popular, composta por un menú de churrasco, sardiñas, pan e viño con Denominación de Orixe Ribeiro.
Ademais, puideron degustar distintos produtos con Indicación Xeográfica Protexida nos postos habilitados.
A celebración continuou coa tradicional fogueira de San Xoán e a música do disco móbil 'On by Chito' poñendo o broche á xornada.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, destacou o éxito da convocatoria e "o magnífico ambiente vivido", que demostra "que o San Xoán de Cerdedo continúa sendo unha das celebracións máis queridas do noso concello".
"Vimos como centos de persoas compartían mesa, tradicións e momentos de convivencia nunha festa que forma parte da nosa identidade colectiva", indicou.
O rexedor subliñou ademais que a elevada participación confirma o atractivo dunha cita que combina gastronomía, cultura popular e encontro veciñal, e quixo agradecer o traballo de voluntarios, colaboradores e persoal municipal, "que estiveron días preparando cada detalle para que a noite fose un éxito".
Tamén agradeceu a participción dos asistentes, "verdadeiros protagonistas dunha celebración que demostra a fortaleza do tecido social de Cerdedo Cotobade".