Case setecentas persoas participarán en Cerdedo na festa de San Xoán

Cerdedo Cotobade
22 de xuño 2026

O Concello de Cerdedo Cotobade ultima os preparativos para unha das citas festivas máis multitudinarias do ano, que reunirá 670 persoas no pavillón da vila

Festa de San Xoán en Cerdedo
Festa de San Xoán en Cerdedo / Concello de Cerdedo Cotobade

O pavillón de deportes de Cerdedo acollerá este martes 23 de xuño a tradicional Festa de San Xoán, para a que se venderon un total de 670 tickets, converténdose así nunha das citas festivas máis multitudinarias do municipio.

O evento arrancará ás 21:30 horas cunha gran cea popular que incluirá churrasco, sardiñas, viño con denominación de orixe Ribeiro e pan.

Ademais, os asistentes poderán gozar dunha degustación de produtos con indicación xeográfica protexida a través de diferentes stands habilitados para a ocasión.

Á medianoite celebrarase un dos momentos máis agardados da noite coa tradicional queima do meigallo na fogueira de San Xoán, unha cerimonia cargada de simbolismo que cada ano reúne a veciños e visitantes arredor do lume.

A festa prolongarase coa animación musical da disco móbil On by Chito.

O alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, destacou a extraordinaria resposta veciñal á convocatoria dunha festa "que une xeracións arredor das nosas tradicións e que cada ano gaña máis forza" e que combina gastronomía, música, convivencia e tradición.

O rexedor aproveitou para agradecer o traballo dos voluntarios, colaboradores, asociacións e persoal municipal que fan posible a organización deste evento, así como a implicación de todos os participantes, "que son os auténticos protagonistas dunha noite tan especial".

Con esta celebración, o Concello quere manter a súa aposta pola conservación das tradicións populares e pola promoción de actividades que favorezan a convivencia veciñal, a participación social e a dinamización do territorio.