Municipios da área metropolitana de Porto interésanse polos centros comunitarios de compostaxe

Pontevedra
08 de maio 2019

Técnicos e responsables de LIPOR, o servizo supramunicipal de xestión de residuos dos municipios de Porto, Espinho, Gondomar, Maia, Matosinhos, Póvoa de Varzim, Valongo e Vila do Conde, visitaron este martes os composteiros de Eduardo Pondal, A Parda, Camiño de Ferro e Ponte Boleira para analizar o seu modo de emprego

Visita de técnicos portugueses aos centros comunitarios de compostaxe Concello de Pontevedra

Os oito concellos portugueses agrupados na área Gran Porto miran cara o sistema de compostaxe de Pontevedra. Unha delegación lusa acudiu á cidade para comprobar o funcionamento dos centros comunitarios ao entender que son unha alternativa á recollida diaria de lixo orgánico.

Técnicos e responsables de LIPOR, o servizo supramunicipal de xestión de residuos dos municipios de Porto, Espinho, Gondomar, Maia, Matosinhos, Póvoa de Varzim, Valongo e Vila do Conde, visitaron este martes os composteiros de Eduardo Pondal, A Parda, Camiño de Ferro e Ponte Boleira para analizar o seu modo de emprego.

Estiveron acompañados polos técnicos municipais e provinciais que están ao fronte da implantación e seguimento do proxecto.

A concelleira responsable, Carme da Silva, intercambiou impresións cos integrantes da delegación lusa, moi interesados en ter información deste sistema de recollida e tratamento de residuos orgánicos que se está implantando en Pontevedra.

Os municipios agrupados en Gran Porto suman arredor de un millón de habitantes e tratan unha media de 500.000 toneladas de residuos anuais.

Actualmente, segundo explicaron na súa visita a Pontevedra, están na busca dun sistema complementario ao seu método de recollida de lixo orgánica e consideran que os centros comunitarios que hai en Pontevedra poden ser unha alternativa, especialmente nas zonas máis afastadas dos centros urbanos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora