Música, baile, artesanía e xogos populares tomarán as rúas de Cuntis durante a xornada do vindeiro sábado, 28 de xuño.
O Concello de Cuntis organiza a partir de primeira hora da mañá o evento 'Cultura na Rúa', unha xornada completa adicada á cultura, o lecer e o goce para todas as idades.
A partir de primeira hora da mañá celebrarase o mercado dos sábados e na praza das Árbores haberá tamén esta ocasión un mercado de doces artesáns e postos vintage con produtos variados.
A música e o baile tradicional terán un papel protagonista, co pasarrúas da agrupación municipal de música e baile tradicional de Cuntis ás 12.00 horas.
A partir das 12.30 horas, na Praza das Árbores haberá un concerto da banda da escola de música municipal de Cuntis. A partir das 13.00 horas, o baile tradicional continuará amenizando a xornada.
A tarde estará chea de diversión para os máis pequenos. A partir das 16.30 na Praza das Árbores está programada a actuación infantil 'Atréveste? - Pepa A Loba', un espectáculo a cargo de Cristina Collazo dirixido a público infantil e familiar.
A partir das 17.30 horas, haberá xogos populares na Praza das Árbores e arredores.
En horario de mañá e tarde, a gastronomía tamén estará presente coa ruta 'De Tapa en Tapa' polos bares da vila. A Charanga 112 animará esta ruta a partir das 19.00 horas.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, destaca a importancia deste evento e sinala que desde o Concello están "moi ilusionados", pois é "unha oportunidade fantástica para que veciños e visitantes gocen dunha xornada chea de actividades para todas as idades, poñendo en valor a nosa tradición, a nosa música e a nosa artesanía".
"Queremos que Cuntis sexa un referente cultural e esta iniciativa contribúe a iso, fomentando ademais o comercio local coa ruta de tapas e o mercadiño. Agardamos que sexa un éxito e que todos poidamos gozar dun día inesquecible nas nosas rúas", sinalou Campos.