Eventos seguros pero a actividade cultural non para en Sanxenxo durante o verán. O coronavirus obrigou a deseñar unha programación na que primarán as limitacións de aforo, regulación das entradas e saídas e o uso obrigatorio de máscaras, pero sen renunciar a ofrecer variedade e bos momentos.
A Praza dos Barcos en Sanxenxo e a Casa Mariñeira de Don Fernando en Portonovo converteranse nos escenarios principais da programación estival na que o cinema se despraza como outros anos ás parroquias. De feito Vilalonga e Bordóns inauguraron a pasada fin de semana o ciclo 'Cinema na Rúa' que o vindeiro domingo 19 chega a Nantes con 'Annie'.
A nivel musical, este mesmo xoves 16 de xullo a proposta clásica de 'Dúo Dellis' é a encargada de abrir fogo dando paso o venres a un espectáculo de maxia na Casa Mariñeira a partir das 22 horas con 'Pablo Superstar Cool'.
Serán só as primeiras citas dunha programación que se prolongará durante todo xullo e agosto e que terá o seu broche de ouro o 4 de setembro coa XXXVIII Feira da Cebola.
Consulta aquí o programa cultural de Sanxenxo para o verán ao completo, un programa que pode descargarse na web e tamén nas redes sociais do Concello ou a través dun código QR.