Na APDR aseguran estar "cansos" de denunciar verteduras no Gafos tras detectar un novo caso

Pontevedra
15 de abril 2021

A asociación alerta de "unhas verteduras que, tanto polo seu aspecto como polos cheiros nauseabundos a cloaca, fan pensar na natureza fecal" detectados nas últimas horas no río dos Gafos 

Vertedura localizada no Gafos o 14 de abril
Vertedura localizada no Gafos o 14 de abril / APDR

Apenas 48 despois de denunciar un caso de verteduras no río Lérez, a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) alerta de novo dunha situación preocupante noutro dos leitos fluviais que pasa pola cidade, o río Gafos.

Trátase, explica a asociación, de "unhas verteduras que, tanto polo seu aspecto como polos cheiros nauseabundos a cloaca, fan pensar na natureza fecal".

Desde a APDR aseguran estar "cansos de denunciar situacións como a que vén de producir", que provocan que as augas do río baixen totalmente tinguidas e dunha cor antinatural. "Estamos cansos máis que nada porque polo xeral as denuncias caen nun saco roto sen que consigamos saber sequera de quen é a responsabilidade dos mesmos e, o que é moito máis frustrante, sen que se solucione o problema", sinalan.

A pesar diso a asociación ecoloxista presentou denuncia do sucedido ante o Concello de Pontevedra e tamén en Augas de Galicia "coa esperanza de que nesta ocasión poida ter algún efecto beneficioso para o noso río e o medio natural da nosa vila".