Na hosteleria de praia de Marín: de aseos privados a aseos públicos para un verán atípico

Marín
23 de xullo 2020

O Concello e o sector chegan a un acordo de forma que a administración local reparte material sanitario e de limpeza a cambio do uso público dos seus aseos

Primeiro día de praia con obriga de máscaras Cristina Saiz

Moitas circunstancias cambian neste atípico verán subxugado aos condicionantes que impoñen as medidas contra a COVID19. Se en condicións normais, os areais ofrecen aos seus usuarios uns servizos públicos aos bañistas, este 2020 en aras da seguridade sanitaria as súas portas permanecen pechadas. 

Para liquidar esta demanda e dar cobertura a estas inevitables necesidades, o Concello de Marín chegou a un acordo cos establecementos hostaleiros que se sitúan nas praias do municipio. Como informa a Concellería de Turismo, dado que os servizos públicos dos areais non se poden utilizar, acordouse con este sector que os seus servizos deixen de ter uso restrinxido e poidan ter uso público.

Como contrapartida, o Concello proporciona material de limpeza e material sanitario aos negocios que acceden a esta proposta. A titular de turismo, Cristina Acuña, comezou este mesmo xoves a repartición de lotes de papel hixiénico, lixivia, produtos desinfectantes e mesmo kits de primeiros auxilios para poder atender algunha urxencia que se puidese producir cando non está operativo o persoal de socorrismo.

En funcionamento semáforos de ocupación

En relación tamén ás praias de Marín, nos areais de Portocelo, Mogor, Aguete e Loira están operativos os semáforos que indican a ocupación en tempo real. Trátase da mesma información que xa ofrece a web do Concello de Marín a quen consulta o número de bañistas que en cada momento rexistran estas praias.