Nace a "Alianza local polos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible"

Pontevedra
09 de outubro 2020

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Camela Silva, anunciou hoxe o lanzamento desta iniciativa coa que se promove o aliñamento dos 61 concellos da provincia co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que conforman a Axenda 2030 da ONU

Pazo Provincial sede da Deputación de Pontevedra
Pazo Provincial sede da Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Camela Silva, anunciou hoxe o lanzamento da iniciativa "Alianza local polos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible" coa que se promove o aliñamento dos 61 concellos da provincia co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que conforman a Axenda 2030 da ONU. 

A partir de agora, a Deputación porá o foco cada mes nun dos 17 ODS con accións, proxectos e campañas de difusión. 

O primeiro paso para a creación da Alianza Local consistirá no envío dunha carta aos concellos e a divulgación na web e no boletín informativo da Deputación das iniciativas municipais dos concellos que se adhiran como exemplo de boas prácticas. 

Carmela Silva, acompañada pola deputada responsable de Transición Ecolóxica e Proxectos Europeos, Iria Lamas, adiantou que sumarse á Alianza Local significará tamén un maior financiamento para os municipios que dean o paso. 

Ademais, comprometeuse a promover actividades como exposicións, concertos, andainas e accións no ámbito educativo e da igualdade para reforzar este gran pacto polo desenvolvemento sostible. 

DÍAS MUNDIAIS DA ONU 

A presidenta tamén adiantou que ao longo deste mes de outubro a Deputación vai celebrar 11 días mundiais evidenciando o vínculo das causas representadas nestas efemérides cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. 

Por exemplo no Día Internacional das Mulleres Rurais, a Deputación organizará en Pontevedra una xornada o día 28 de en colaboración con Fademur (Federación de Mulleres Rurais de Galicia). Levará por título “As mulleres e os efectos da covid-19 na Galicia rural” e consistirá nunha mesa redonda con relatoras, todas elas mulleres, dos sectores hortofrutícola, gandeiro, da educación pública e das entidades sociais. 

En canto ao Día das Escritoras, celebrarase o día 19 en Vigo cunha lectura pública de textos de escritoras tomando como referencia o acto que celebra a Biblioteca Nacional nesta conmemoración baixo o comisariado da escritora Elvira Lindo. 

A Deputación tamén celebrará actividades ao fío do Día Mundial da Alimentación (16 outubro); o 17, Día Internacional para a Erradicación da Pobreza; o 18 polo Día Mundial de Protección da Natureza; o 21, Día Mundial do Aforro de Enerxía; o 24, Día das Nacións Unidas, Día da Información sobre o Desenvolvemento e Día Internacional contra o Cambio Climático. Finalmente, poñerase en valor o día 31 ao fío do Día Mundial das Cidades.