Nace a Escola de Música de Poio cunha ampla oferta e formación en diferentes instrumentos

Poio
01 de setembro 2021

O prazo de matriculación xa está aberto e as clases desenvolveranse no CEIP Lourido desde o vindeiro mes de outubro

Nace a Escola de Música de Poio Concello de Poio

A Escola de Música de Poio iniciará a súa actividade no municipio o vindeiro mes de outubro ofrecendo formación e orientación musical a veciños de todas as idades. 

O director da escola, Roberto Sánchez; a xefa de estudos, María Carmen Vilela, e o secretario, Juan José Mariño, explicaron as liñas mestras que seguirán ao longo dos vindeiros meses.

"O noso obxectivo é conseguir que a música chegue a toda a cidadanía, sen distinción de idade ou clase social", indicaron os seus responsables, que aclaran que a posta en marcha deste proxecto non afecta ás clases de acordeón e guitarra que xa viñan ofrecendo Mariño e Vilela antes do nacemento desta iniciativa.

A sede desta nova entidade quedará fixada nas dependencias do CEIP Lourido, na parroquia de San Salvador. As clases ofreceranse a crianzas a partir de catro anos e, a maiores, tamén se prevé habilitar a lo menos un grupo de adultos. 

As cotas oscilarán entre os 20 e os 40 euros mensuais, en función das modalidades. Neste sentido, unha das características máis destacadas da Escola de Música é a súa versatilidade, xa que ofrece formación no uso de diferentes instrumentos. Deste xeito, porase a disposición da cidadanía clases particulares en linguaxe musical e no uso de piano, percusión, tuba, bombardino, trombón, trompeta, trompa, saxofón, clarinete ou frauta traveseira. 

A directiva informa de que o prazo de matriculación xa está aberto e se pode realizar chamando ao número de teléfono 636068829 ou ben enviando un correo electrónico á dirección secretaria@esmupoio.com. Tamén é posible obter máis información visitando a páxina web da escola (esmupoio.com).

A consolidación de combos de música moderna, coros ou a creación dunha banda de música son outros dos obxectivos que se marca este colectivo. 

A concelleira de Cultura e Educación, a nacionalista Raquel Rodríguez, felicitou aos impulsores da escola e expresou o seu desexo en que se faga realidade a consolidación "dun proxecto tan fermoso e ilusionante coma este".