Nace Mercacuntis, a plataforma web para realizar compras no comercio local

Umia
29 de maio 2020

O alcalde Manuel Campos afirma que este proxecto é unha das grandes apostas para reactivar a economía local tras a crise sanitaria da Covid-19 e afirma que Cuntis é dos primeiros Concellos de Galicia en poñer en marcha unha iniciativa destas características 

A plataforma web Mercacuntis
A plataforma web Mercacuntis / Concello de Cuntis

Mercacuntis é o nome da páxina web lanzada polo Concello de Cuntis este venres para fomentar o consumo de proximidade e reactivar a economía local despois da graves crise derivada da expansión da  Covid-19.

Esta plataforma ofrece datos ordenados sobre os establecementos que poida necesitar calquera persoa interesada en comprar produtos dentro do municipio. Recóllense 210 locais comerciais, negocios e empresas que traballan en sectores como o da moda, a alimentación, construción, transporte, aloxamentos ou o turístico.

Esta opción permite ao cliente enlazar de maneira directa coa páxina web do establecemento, coas súas redes sociais e coas súas fórmulas de contacto para facilitar a adquisición de bens ou servizos. 

Manuel Campos, alcalde de Cuntis, mostrábase moi satisfeito con esta iniciativa durante a presentación indicando que se trata dunha das grandes apostas dentro das medidas adoptadas para reactivar a economía local. Asegura que Cuntis é un dos primeiros municipios de Galicia que activa unha fórmula como esta na que se engloban a gran maioría de propostas comerciais do Concello nunha soa web. O rexedor espera que esta paxina conte con boa acollida e sirva para que os establecementos locais incrementen as súas vendas.

Esta web foi elaborada polo persoal municipal en colaboración co comercio de Cuntis, cun importante aforro para o  Concello ao non ser necesaria a  externalización do servizo. Todos os establecementos inscribíronse de maneira gratuíta e agora o Concello asesora en materia de dixitalización a aqueles locais que carecen de páxina web ou de redes sociais para que se adapten aos novos modos de consumo.

Desde o goberno local sinalan que para resolver calquera dúbida ou para realizar consultas permanece activo o correo electrónico [email protected]. O proxecto conta co financiamento do Concello de Cuntis en colaboración cos fondos provinciais da Deputación de Pontevedra.