O BNG de Poio cargou contra a modificación puntual do PXOM impulsada polo goberno local do PP no ámbito de Punta Sinás.
Trátase dunha iniciativa que, segundo denuncian, trátase dun "auténtico pelotazo urbanístico" que persegue eliminar a protección ambiental do espazo para permitir a construción de vivendas.
A formación nacionalista anunciou a presentación de alegacións durante o período de exposición pública e avanzou que trasladará o caso ao Parlamento de Galicia.
A portavoz municipal, Marga Caldas, sostén que o PXOM de Poio recolle este espazo como ben protexido pola súa relevancia ambiental e paisaxística, prohibindo calquera tipo de edificación e permitindo unicamente actuacións de reestruturación.
Así mesmo, cuestionan tamén a tramitación do expediente, no que aseguran detectar algunhas deficiencias como documentación incompleta ou a ausencia de antecedentes fundamentais do acordo plenario e dunha verdadeira avaliación ambiental estratéxica.
Caldas rexeita ademais os argumentos do goberno municipal para xustificar a modificación, como a suposta desaparición de elementos recolleitos no catálogo ou a súa vinculación á futura praza pública de Sinás e á senda litoral.
O deputado autonómico Luís Bará, que levará a cuestión ao Parlamento galego, cualificou a operación como "tramposa, trapalleira e enganosa" ao entender que tenta "falsear a propia catalogación do PXOM".
Na súa opinión, o obxectivo desta modificación é "incrementar de maneira extraordinaria ou valor dun terreo para permitir a construción de chalés, apartamentos ou outros usos turísticos".
O BNG afirma que reclamará que a Xunta esixa unha avaliación ambiental completa, aplique a Lei de Ordenación do Litoral e solicite os informes necesarios de Costas do Estado e dos órganos competentes.
Por último, advertiu de que se a Xunta e o goberno local seguen con esta tramitación "á marxe da legalidade", os nacionalistas acudirán a outras instancias administrativas para impedir que prospere unha actuación que considera "un ataque ao interese público e ao patrimonio ambiental de Poio".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.