A proposta para cambiar a catalogación dunha parcela en Punta Sinás, acendeu todas as alarmas na oposición no Concello de Poio.
Tanto o PSOE como o BNG mostraron o seu firme rexeitamento ao que consideran unha manobra ilegal para permitir a construción de dous chalés nunha zona que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) recolle como protexida.
A concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, explicou que se trata dunha solicitude presentada por un particular, e que o Concello está a tramitar o expediente como corresponde. Segundo Cochón, a protección actual do terreo débese a un "erro", xa que se baseaba na presenza dun monólito —que xa non existe— e uns eucaliptos sen valor ecolóxico.
Con todo, desde o BNG e o PSOE non comparten estes argumentos. Para o Bloque Nacionalista Galego, estamos ante un auténtico "pelotazo urbanístico", e lembran que o expediente inclúe informes que desaconsellan a descatalogación. O PSOE, pola súa banda, advirte que a proposta foi aprobada sen os informes técnicos e ambientais necesarios, e sen xustificar o interese público, condicións indispensables para este tipo de modificacións urbanísticas.
O portavoz socialista, Gregorio Agís, foi tallante ao afirmar que "o informe xurídico emitido é frontalmente desfavorable, o que evidencia a falta de base legal desta iniciativa que permitirá construír dous chalés nunha zona protexida.".
Ademais, lembrou que xa existe unha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que obriga ao Concello a manter a protección ambiental do terreo. "Estamos ante un precedente gravísimo e un agravio comparativo para o resto dos veciños", concluíu.
Marga Caldas, portavoz do BNG, tamén alzou a voz para denunciar que "o alcalde Ángel Moldes está a tramitar a desprotección dun ben catalogado para facilitar a construción de vivendas en Punta Sinás".
Caldas asegura que "non hai nin un só informe favorable" que avale esta decisión e advirte de que, si finalmente apróbase, "sentará un precedente moi perigoso que só beneficia ás promotoras".
A concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, subliña que o trámite aprobado inicialmente polo Pleno "consiste en trasladar á Xunta a petición dun particular" para que ditaminen os órganos autonómicos, pero "nin se cambia a calificación do terreo nin está desprotexido, nin se permite construír vivenda algunha".
Cochón asegura que a calificación da parcela é a mesma que lle outorgou o PXOM aprobado no ano 2000 polo anterior goberno que "permitiu talar parte deses eucaliptos".
Destaca que o trámite aprobado polo Pleno é o inicio dun procedimento "con garantías e avalado polos técnicos" e sostén que "despois de 28 anos de irregularidades e tratos de favor, agora o que hai é un Urbanismo transparente dun goberno que trata a todos os veciños e veciñas por igual con información a disposición de todo o mundo".
A polémica está servida, e todo apunta a que este debate seguirá dando que falar en Poio.