A I Xornada Técnica da Ameixa, organizada polo Concello de Poio co respaldo do GALP Ría de Pontevedra e a Consellería do Mar, pechou as súas portas este xoves cun decálogo de propostas para asegurar un futuro sostible ao marisqueo na Ría de Pontevedra.
Durante todo o día, medio centenar de profesionais do sector, expertos, representantes institucionais e colectivos déronse cita na Casa Rosada para debater sobre a situación actual do marisqueo e os desafíos que enfronta.
A xornada foi moito máis que unha serie de relatorios xa que se converteu nun espazo de reflexión, aprendizaxe e compromiso colectivo.
O documento final recolle medidas que van desde unha mellor coordinación entre institucións até accións para protexer o medio ambiente, promover a formación profesional, reforzar a trazabilidade e o valor do produto, innovar na xestión dos recursos e asegurar que as mariscadoras teñan voz e voto nas decisións que as afectan.
A xornada arrancou coa intervención do alcalde de Poio, Ángel Moldes, que estivo acompañado por Elena Suárez, directora territorial da Consellería do Mar en Vigo.

Moldes subliñou a importancia de afrontar con seriedade os retos do sector e de "dar visibilidade ao traballo diario nas nosas costas", fundamental para moitas familias e para a economía local.
A primeira intervención técnica correu a cargo de Carmen de Benito Caula, xefa do Servizo de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta, cunha charla titulada "Da tradición á innovación. O futuro do marisqueo en Galicia", que abriu a porta a unha mirada moderna sen perder de vista as raíces do oficio.
A continuación, celebrouse unha mesa redonda centrada na realidade actual do marisqueo na Ría de Pontevedra, coa participación dos presidentes das confrarías de Lourizán, Pontevedra e Raxó.
Tamén interveu o biólogo Andrés Simón Gómez, da Lonxa de Campelo, que ofreceu un relatorio técnico sobre o estado dos recursos marisqueiros.
A segunda mesa redonda centrouse na cadea de valor económica que xira en torno ao mar.
Participaron representantes de empresas como Artesa Atlántica, Mares de Galicia e a presidenta de Anmupesca, Pilar Otero. Todas coincidiron na necesidade de seguir apostando por un produto de calidade, con identidade e ben situado no mercado.

Un dos momentos máis saborosos do día chegou ao mediodía, cun showcooking a cargo do Restaurante La Brisa, de Lourido.
Os asistentes puideron degustar receitas innovadoras elaboradas con ameixa de Campelo, demostrando o enorme potencial gastronómico deste produto emblemático da ría.
Xa pola tarde, os participantes redactaron o decálogo de propostas prioritarias. Este documento pretende servir de guía para avanzar cara un modelo de marisqueo máis sostible, tanto desde o punto de vista ecolóxico como económico.
A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, foi a encargada de pechar a xornada, facendo un balance "moi positivo" desta primeira edición, que complementa a tradicional Festa ds Ameixa de Campelo, que este ano celebrou a súa 37ª edición.
