Nas festas "non te pases nin un pelo, tío"

Pontevedra
02 de agosto 2018

Así é campaña contra a violencia sexual que porá en marcha o Concello de Pontevedra de cara as festas. O obxectivo é concienciar á cidadanía e que calquera recorra aos teléfonos 091, 092 ou 112 se é vítima ou testemuña dalgún episodio de acoso ou abuso sexual

Festas da Peregrina 2017
Festas da Peregrina 2017 /

Non te pases nin un pelo, tío.
Se queres ligar empeza por respectar
Se ves algo raro chama, as festas son para tod@s
Se alguén o pasa mal, non é unha festa

Son só algúns dos lemas que se inclúen na campaña contra a violencia sexual que porá en marcha o Concello de Pontevedra de cara as festas. O obxectivo é concienciar á cidadanía e que calquera recorra aos teléfonos 091, 092 ou 112 se é vítima ou testemuña dalgún episodio de acoso ou abuso sexual.

A campaña, ademais, inclúe un chamado específico para non permitir abusos na comunidade LGTBI, baixo o lema Gústeche quen che guste, a nós gústasnos ti.

Lonas penduradas en distintos puntos da cidade e unha maior presenza policial no Concello, no edificio administrativo de Michelena -preto do centro neurálxico das festas- completan esta campaña de información. Haberá, ademais, máis policías nas rúas e prazas da cidade.

A campaña, segundo explica a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces, busca apelar á cohesión social e implicar a todas as persoas que gozan das festas para que denuncien aqueles casos de acoso ou agresión sexual que poidan ver ou sufrir.

Fouces destaca que é importante "desenmascarar" aos agresores sexuais que non só actúan nas festas, se non ao longo de todo o ano e por iso a denuncia e rexeitamento debe manterse nas festas e en todo momento.

Ante unha situación delictiva, engadiu, a quen hai que recorrer é a Policía pois "sabe o que hai que facer". A Policía Local conta con profesionais que "saben atender" este tipo de agresións e ten unha unidade dedicada en exclusiva a protexer ás vítimas da violencia machista. Os axentes teñen instrucións para que estean atentos a casos de acoso e agresións sexuais.