O Concello de Pontevedra, dentro da campaña de promoción e divulgación do Efecto PO2, leva ás ludotecas municipais a actividade 'A miña cidade con-sumo responsable' que busca fomentar como o seu nome indica un consumo responsable entre a cidadanía. Esta semana foron menores da Xunqueira II e do CEIP Cabanas os que participaban nestes obradoiros.
A proposta comeza co conto 'A miña cidade' que lles convida a reflexionar sobre os hábitos de vida sostibles e respectuosos coa contorna, dando as súas achegas a cuestións como: que facer para salvar o planeta, que se fai desde Pontevedra para conseguir un futuro mellor, como sería o mundo no que lles gustaría vivir, etc...
Os pequenos pontevedreses falan de reciclar, cambiar as botellas de plástico por cantimploras, plantar árbores, ou reutilizar cristais e plásticos, como medidas favoredoras dun planeta máis sostible e un futuro máis saudable. A próxima semana serán os participantes nas ludotecas municipais do centro Manuel Vidal Portela e do CEIP Campolongo quen some as súas ideas.
A campaña de posicionamento de marca Efecto PO2 é unha iniciativa da Concellería de Promoción que xestiona Anabel Gulías. Difunde Pontevedra como exemplo dun estilo de vida saudable e o respecto polo medio ambiente. Para iso pódense ver pola cidade pintadas coa máxima: -CO2 +PO2; editáronse carteis con imaxes que mostran puntos fortes do modelo de cidade; ofrécense microvídeos co hagstag #comonacasa e que expoñen os espazos públicos como extensións dos espazos particulares.