Necesítanse 500 persoas voluntarias para colaborar na Gran Recollida do Banco de Alimentos

Pontevedra
25 de outubro 2022

Para realizar labor de voluntariado é necesario dispoñer de catro horas libres e darse de alta na web: www.bancoalimentosvigo.org ou chamar ao 986 865301. Este ano a campaña de recollida será o venres 25 e o sábado 26 de novembro en 135 supermercados da provincia, trinta menos que en 2021

Presentación da Gran Recollida do Banco de Alimentos de Pontevedra 2022 PontevedraViva

Obxectivo para este ano: lograr 300.000 quilos de comida na provincia de Pontevedra para repartir entre persoas en situación vulnerable. Así expoñen no Banco de Alimentos a campaña da Gran Recollida 2022 que este martes se presentaba nas instalacións situadas na Rúa Faustino Santalices de Pontevedra. 

Apolinar Quinteiro, vicepresidente provincial deste colectivo e José Luis Doval, responsable da delegación pontevedresa, explicaban que os días seleccionados para a Gran Recollida serán o venres 25 e o sábado 26 de novembro de maneira física nun total de 135 supermercados da provincia, trinta menos que en 2021 porque entidades como Lidl, Mercadona e Día xa non permiten a recollida persoal nos seus establecementos. Na área de Pontevedra serán 75 supermercados os que participen.

Para desenvolver esta campaña, a organización sen ánimo de lucro precisa 500 persoas voluntarias e fan un chamamento á cidadanía para que formen parte desta iniciativa solidaria. Para participar só é necesario dispoñer de catro horas e darse de alta na web: www.bancoalimentosvigo.org ou chamar ao teléfono 986 865301..

O lema da campaña deste ano é 'Comer non pode ser un luxo', unha frase seleccionada por parte da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Apolinar Quinteiro afirma que se incrementou nun 20% o número de persoas que se atenden por esta entidade durante o último ano debido á crise económica. "O que antes comprabamos por cinco euros, agora custa oito", asegura.

A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu máis de dous millóns de quilos de alimentos durante 2021, unha cifra entre a que se atopan 380.000 quilos de comida que se distribuiron na área pontevedresa. "Notamos diariamente visitas de xente que non pensabamos que podería vir", asegura Doval, responsable en Pontevedra.

Demandan tamén das administracións unha maior colaboración e que lles cedan algún espazo de maiores dimensións porque a actual nave se queda pequena como centro loxístico para a recollida e repartición dos alimentos entre as distintas organizacións non gobernamentais coas que colaboran para repartir os produtos entre as persoas necesitadas. "Quédanos pequeno e é incómodo", asegura José Luis Doval ao referirse a un espazo situado nunha rúa con tráfico e dificultades para entrada e saída das furgonetas desta entidade. 

O día 11 de novembro teñen previsto anunciar quen será a persoa famosa que colabore nesta Gran Recollida asumindo a posición do actor vigués Pedro Alonso, popularmente coñecido por interpretar o papel de Berlín na serie 'A casa de papel', anterior padriño da campaña.