Poio recibe estes días a nenos e nenas procedentes de distintos lugares de Galicia como Vigo, Nigrán, Ordes, Santiago de Compostela, Boiro ou Trives e tamén desde Boston (Estados Unidos).
Son 20, teñen entre 9 e 12 anos e teñen en común que participan esta semana no minicampamento 'As pegadas da historia'.
Trátase dunha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia dentro da programación de verán e espertou tanto interese entre as familias que se esgotaron todas as prazas ofertadas.
O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Xuventude, Tamara González, recibiron o grupo na Casa do Concello este martes.
Moldes agradeceulles que elixisen esta proposta e Poio para gozar do seu verán. "Para nós é unha honra contar con este tipo de iniciativas que contribúen a encher de vida as nosas rúas, promocionar o noso concello e poñer en valor todo o noso patrimonio cultural, natural e histórico", sinalou.
"Poio é un destino único e por iso estamos encantados con que descubrades e gozades con todo o que o noso concello pode ofrecervos", sinalou o rexedor.
Ao longo da semana, participarán nun amplo abano de actividades que inclúen actividades náuticas (surf, kaiak, surf skate), salvamento acuático deportivo, xogos de praia, orientación, xogos de coñecemento e de historia.
Estarán en espazos como o Mosteiro de Poio, o Museo de Colón e o Bosque de Colón.
Tamén están previstas veladas nocturnas para favorecer a convivencia entre os participantes.
INSCRICIÓNS PARA O CAMPAMENTO DIXITAL
O Concello lembrou este martes que continúan abertas as inscricións para o Campamento Dixital, unha das novidades deste verán, que se organizará en agosto na Aula Cemit de Poio.
Trátase dun programa de actividades gratuítas en competencias dixitais para nenas e nenos de 9 a 17 anos.
Organizaranse dous campamentos, o primeiro para nenos e nenas de 9 a 13 anos, que se desenvolverá entre o 18 e o 22 de agosto, e o segundo, para mocidade de 14 a 17 anos, que se impartirá do 25 ao 29 de agosto.