O Concello de Poio estrea este mes de xuño unha proposta cultural dirixida á rapazada de entre 8 e 12 anos: "Teatreirxs", un campamento teatral que permitirá ao alumnado crear a súa propia compañía escénica e representar a obra "Os vellos non deben de namorarse", de Castelao, coincidindo co 75 aniversario do seu pasamento.
A iniciativa desenvolverase entre o 23 e o 27 de xuño, ao rematar o curso escolar, e busca achegar o teatro ás crianzas dunha forma transversal e participativa, abranguendo moito máis que a interpretación.
Tal e como sinala a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, "queremos que a rapazada coñeza o que implica formar parte desta disciplina artística, nun espazo no que se fomente a imaxinación, o xogo, a improvisación e a expresión libre".
Durante as cinco sesións previstas, o grupo participante traballará dende a lectura de guións ata a construción de escenografía, a creación de vestiario e a promoción do espectáculo final.
A primeira xornada estará centrada en dinámicas de presentación e expresión corporal, e nos días seguintes repartirán os roles, entre equipo artístico e equipo técnico, desenvolvendo o proceso completo dunha produción teatral.
O obxectivo principal é empregar o teatro como ferramenta para a comunicación, a socialización e a expresión en lingua galega, fomentando valores como a igualdade, o respecto e a convivencia.
Ademais, cada nena e neno poderá participar activamente na toma de decisións, converténdose nun axente creativo do proxecto.
A representación final será aberta ao público, e suporá a culminación dunha experiencia artística e educativa que, segundo indican desde a organización, está pensada para que a infancia descubra o teatro dende dentro
O campamento está cofinanciado polo Concello de Poio e a Deputación de Pontevedra, a través das axudas destinadas á dinamización da lingua galega, e será a compañía Leucoíña Pasea a encargada de desenvolver as sesións. As inscricións abriranse a mediados de xuño.