"Nin multa nin cárcere no caso de Ana e Tamara e no resto", a CIG rexeita a reforma do Código Penal

Pontevedra
01 de xullo 2015

Máis de sesenta representantes sindicais da central nacionalista concentráronse ante a Subdelegación do Goberno este mércores con motivo da entrada en vigor da Lei Mordaza e da reforma do Código Penal

Protesta de representantes sindicais da CIG contra a Lei Mordaza PontevedraViva

Arredor de sesenta representantes sindicais da CIG concentráronse ao mediodía deste mércores 1 de xullo ante a Subdelegación do Goberno como protesta ante a entrada en vigor da Lei de Seguridade Cidadá, coñecida popularmente como a Lei Mordaza, ademais da reforma do Código Penal.

Segundo sinalou o secretario de organziación da central nacionalista en Pontevedra, Rafael Iglesias, estas novas normativas conlevan unha represión en relación cos dereitos de folga, reunión e manifestación, Indicou que é unha esaxeración ter que pagar multas por faltas leves que ascendan a 600 euros ata as moi graves de 600.000 euros. E lamenta que agora as forzas policiais teñan presunción de autoridade indiscutible de maneira que os seus informes "van a misa" e para recorrer antes hai que abonar as multas.

Segundo Rafael Iglesias con estas normativas se pretende que todas as protestas relacionadas con ERES, recortes, concursos e despedimentos non se poidan levar a cabo a través do medo e da represión.

Neste sentido, o sindicalista apuntou que malia que no caso de Ana e Tamara, as dúas traballadoras condenadas a prisión por lanzar pintura nunha piscina durante unha folga, con esta reforma do Código Penal a sanción sería unicamente económica, "non queremos nin multa nin pena de prisión". Rafael Iglesias sinala que esta medida supón "dulcificar pero é represión igual. Non queremos multa nin tres anos de cárcere. Queremos indulto para todos os compañeiros" en referencia tanto ás dúas traballadoras de Pontevedra das piscinas de Campolongo como a todos os afectados polo Código Penal en Galicia e en todo o Estado.

Dende a CIG agardan que se constitúan plataformas a través da Alianza Social Galega para continuar cun calendario de protestas.