Nin pontevedresa nin muller: Abel Losada soa "moi forte" para substituír a Maica Larriba na Subdelegación do Goberno

Pontevedra
30 de agosto 2023

O suposto nomeamento supoñería que a agrupación local do PSOE perda forza nun dos postos con maior representatividade na provincia e, ademais, incumprir un acordo tácito ao que se chegou no ano 2018 de dividir entre Pontevedra e Vigo a Subdelegación do Goberno e a Zona Franca

Abel Losada Álvarez, na sesión conmemorativa do XXX aniversario do Parlamento, como portavoz parlamentario do PSdeG-PSOE
Abel Losada Álvarez, na sesión conmemorativa do XXX aniversario do Parlamento, como portavoz parlamentario do PSdeG-PSOE

Abel Losada, concelleiro do PSOE en Vigo e, de profesión, profesor de Historia Económica na Universidade de Vigo, soa "moi forte" para converterse no próximo subdelegado do Goberno en Pontevedra unha vez que este xoves 31 de agosto de 2023 deixe o cargo por xubilación a actual responsable, Maica Larriba. 

De momento, non existe ningún tipo de confirmación oficial sobre o novo nomeamento nin se sabe cando se producirá, pero nos últimos meses foi collendo forza o nome de Losada. 

Este nome supón un cambio radical con respecto ao perfil da actual subdelegada, pois é pontevedresa e muller e o seu substituto pasaría a ser vigués e home. 

O detalle da súa procedencia non é baladí, pois supón que a agrupación local do PSOE pontevedrés perda forza nun dos postos con maior representatividade na provincia e, ademais, incumprir un acordo tácito ao que se chegou no ano 2018 no PSOE provincial, dividir entre Pontevedra e Vigo, como principais cidades, os dous cargos non electos con maior representatividade: a Subdelegación do Goberno e a Zona Franca. 

Na Zona Franca de Vigo na actualidade hai unha viguesa, Ana Mejías, como vogal do Estado, que en xuño substituíu a David Regades, tamén vigués, como delegado.

O posto de subdelegado, segundo este acordo tácito, debería ocupalo unha persoa de Pontevedra

Fontes consultadas por este xornal comentaron que este asunto non se abordou, neste momento, en ningunha executiva local do PSOE de Pontevedra. Prevese que se aborde en posteriores reunións, aínda que, ata o momento, foi obxecto de debate. 

A executiva local do PSOE poderá propoñer nomes de candidatos ou candidatas por Pontevedra e elevar esas propostas para o seu debate, pero o certo é que, nestes momentos, "o único nome" que soou é o de Abel Losada

Cabe destacar que o subdelegado ou subdelegada do Goberno é nomeado por libre designación, pero debe cumprir un requisito fundamental, ten que ser funcionario de carreira do Estado, das Comunidades Autónomas ou das Entidades Locais, pertencente a Corpos ou Escalas clasificados como Subgrupo A1.