O vigués Abel Losada xa é oficialmente novo subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, fixo oficial este nomeamento este martes 26, despois de que o seu nome levara meses nas quinielas, desde o cese por xubilación de Maica Larriba, e o PSOE xa o confirmara semanas atrás.
O delegado transmitiulle este nomeamento persoalmente nunha reunión este martes na sede da Delegación do Goberno na Coruña e quixo destacar do xa novo subdelegado "a súa longa experiencia política e de xestión pública", en distintos niveis da Administración, tanto autonómico como local.
Tamén sobresae a súa extensa formación en temas relacionados coa economía e a demografía, á que se engade o seu "fondo coñecemento da realidade da provincia de Pontevedra a todos os niveis", tanto a nivel interno como das relacións co resto de provincias galegas e o norte de Portugal.
Pedro Blanco aproveitou para trasladarlle os obxectivos de cara á nova etapa e a esixencia de impulsar os proxectos do Goberno para a provincia.
O delegado amosou a súa satisfacción por esta incorporación e reiterou o recoñecemento ao traballo desenvolvido pola anterior subdelegada, da que destacou que foi un exemplo de profesionalidade e de servizo público á provincia.
Durante estes meses exerceu o cargo de subdelegada en funcións María Isabel Alonso de Linaje Calzada, secretaria xeral da Subdelegación. Tamén a ela quixo agradecerlle o seu traballo.
Nacido en Ourense en 1964, Losada é doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor Titular de Historia e Institucións Económicas, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.
Losada é especialista en demografía, economía da poboación e economía empresarial, área na que publicou numerosos artigos e estudos e na que participou en congresos e seminarios, tanto nacionais como internacionais.
A nivel político, foi deputado no Parlamento de Galicia entre 2005 e 2020, tempo no que ocupou varios cargos parlamentarios; director xeral de Gabinete da Presidencia da Xunta de Galicia nos anos 2008 e 2009; e concelleiro en tres lexislaturas diferentes no Concello de Vigo, cargo que ocupaba na actualidade.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.