O portavoz do Partido Popular no Concello de Pontevedra, Jacobo Moreira, trasladou a súa preocupación tras coñecer a recente intención de Ponte Caldelas de integrarse na Área Metropolitana de Vigo.
"Non queremos que Pontevedra se converta nunha aldea", afirmou Moreira argumentando a necesidade de defender a importancia de Pontevedra "non xa como capital de provincia, senón tamén como cabeceira da comarca".
Os populares consideran que a "continua perda de peso" de Pontevedra nos últimos anos "estase a ver agudizada dende a chegada da delegada do alcalde de Vigo á Deputación Provincial", apuntou Jacobo Moreira en referencia a presidenta provincial Carmela Silva.
A esto suma Moreira a intención de Vilaboa de querer integrarse na Área Metropolitana de Vigo, "sen que Lores expresase receo algún; e agora, tamén a intención de Ponte Caldelas de unirse ante o clamoroso silencio do alcalde nacionalista".
"Dóenos escoitar como os municipios veciños rexeitan a Pontevedra, un tras outro, Cerdedo e Cotobade apostan pola súa fusión para non ter que converterse nunha parroquia de Pontevedra polo tratamento que lles damos dende aquí; ou o feito de que Ponte Caldelas renegue de Pontevedra porque aquí non apostamos pola industria", salientou o portavoz dos populares.
Moreira cre que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "debería abrir os ollos e volver á realidade", apuntou.
"Pontevedra non é unha aldea, senón unha das cidades con maior historia e tradición de Galicia, polo que é necesario defendela", di o presidente local do PP.
Ante esta situación, Jacobo Moreira esixe ao alcalde "unha implicación activa no futuro de Pontevedra como cabeceira da comarca e como capital de provincia", algo que, ao seu xuízo, "non fixo Lores nos 16 anos de Goberno nacionalista".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.