"No verán que vén ten que estar funcionando" a nova rede de abastecemento de auga

Pontevedra
07 de setembro 2017

Os municipios da ría de Pontevedra involucrados nas obras da rede de abastecemento mantiveron este xoves unha reunión de seguimento dos traballos, xa finalizados e á espera agora de poñer en marcha a nova rede, que solucionará entre outros os problemas de subministración en Marín. En total, investíronse case 33 millóns de euros

Reunión da comisión de seguimento das obras da rede de abastecemento de auga
Reunión da comisión de seguimento das obras da rede de abastecemento de auga / Cristina Saiz

O Concello de Pontevedra foi escenario este xoves dunha reunión, a última, da comisión de seguimento das obras da nova rede de abastecemento de auga nos municipios da ría de Pontevedra.

Despois de anos de tramitación e traballos, as obras controladas por Acuaes están finalizadas e só falta que cada concello asuma a conexión á rede.

Os primeiros en sumarse a esta nova rede, que garantirá a subministración de auga "para moitos anos", serán Pontevedra e Marín, para posteriormente irse sumando Sanxenxo, Poio e Vilaboa.

"Imos a estudalo para poñela en marcha o antes posible, porque Marín o necesita", sinalou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto á rexedora de Marín, María Ramallo, en referencia aos problemas de subministración no municipio especialmente no verán, polo aumento de poboación.

"Desde logo no verán que vén ten que estar funcionando, e eu agardo que mesmo antes", augurou Lores.

A nova rede construída en altura, con sete novos depósitos ao longo de ambas as marxes da ría, permitirá aumentar a súa capacidade en 30.000 metros cúbicos a través de 47 quilómetros de conducións, pensando en garantir o servizo "para os próximos 50 ou 100 anos".

En total investíronse caasi 33 millóns de euros nestas obras, dos cales 18,9 deles foron financiados por fondos europeos, 6,5 millóns achegáronos os concellos e os restantes 7,5 millóns parten de Acuaes.

Precisamente esa última cantidade, a achegada por Acuaes, debe ser devolta ata o ano 2060 e repercutirá na factura que pagan os cidadáns, sendo proporcional a devolución en relación ás localidades de maior poboación. Así sobre Pontevedra recaerá a obrigación de asumir algo máis do 40% desta cantidade, Marín o 19%, Sanxenxo o 17%, Poio máis do 13% e Vilaboa máis do 7%.

Como exemplo en 2018, primeiro ano no que se fará o cálculo, a devolución que repercutirá na tarifa será de 238.000 euros entre todos os concellos, repartidos en números redondos en 98.000 euros que deberá asumir Pontevedra, 47.000 Marín, 42.000 Sanxenxo, 31.000 Poio e 18.000 euros Vilaboa.