Nodosa, a un paso de mercar Factoría Naval de Marín ao ofertar 4,7 millóns de euros

Marín
25 de novembro 2014

Os outros dous aspirantes a facerse coa empresa do Porto de Marín, Centro de Reparaciones Navales e MetalShips&Docks, presentaron ofertas 3,2 e 3 millóns de euros. Agárdase que a mediados de decembro se resolva a adxudicación ao remate do período de alegacións  

Casco do Sea Cloud Hussar
Casco do Sea Cloud Hussar

A empresa de Marín, Nodosa, presentou a oferta máis elevada para mercar o asteleiro de Factoría Naval cunha cifra de 4,7 millóns de euros superando a proposta de dúas empresas viguesas, Centro de Reparaciones Navales e Metalships&Docks, que fixeron propostas de 3,2 e 3 millóns de euros respectivamente sen chegar a mellorar as súas ofertas na poxa.

Segundo a información que publica Marcos Quintas no Faro de Vigo, Nodosa presenta tamén un plan que contempla manter os 21 empregados actuais do persoal de Factoría Naval, unha empresa que se atopa baixo control dun administrador concursal, debido á importante débeda que suma, por riba dos 44 millóns de euros. O mantenemento dos postos de traballo era a principal reclamación dos representantes sindicais.

Ábrese agora un período de alegacións e agárdase que o auto xudicial estableza a venda definitiva a mediados do mes de decembro. Nodosa e Factoría Naval teñen as súas naves moi próximas nas instalacións do recinto do Porto de Marín e, de facerse definitiva esta compra, a empresa marinense iniciará unha nova etapa coa intención de abrir novos mercados dentro do sector naval.