Nodosa entrega a draga 'Omvac doce' na primeira botadura na ría de Pontevedra dende 2013

Marín
10 de abril 2015

Trátase dun proxecto 100% galego, ao proceder o encargo da empresa ferrolana Canlemar e construírse integramente no Porto de Marín. Supuxo un investimento de "case 7 millóns" e traballo para preto de 150 operarios

Botadura do 'Omvac Doce' nas instalacións de Nodosa PontevedraViva

O Porto de Marín vestiuse coas súas mellores galas este venres para asistir á botadura do 'Omvac Doce' nas instalacións de Nodosa.

O estaleiro marinense foi o encargado de desenvolver e construír integramente esta draga de succión con casco partido e 61 metros de eslora nun proxecto de "casi 7 millones de euros", segundo sinalou na botadura o presidente da Autoridade Portuaria, e no que traballaron preto de 150 empregados.

Trátase da primeira botadura na Ría de Pontevedra en case ano e medio, dende que en decembro de 2013 Nodosa entregara o 'Moustakbal 2', de bandeira marroquí.

Neste caso o proxecto é "100% galego", explicou o conselleiro de Industria, Francisco Conde, ao ser o armador a empresa ferrolá Canlemar.

Conde destacou a alta carga tecnolóxica do barco ao considerar que "non podemos competir en buques con moita carga de aceiro, a nosa competitividade pasa pola tecnoloxía" no que entende como "a única forma de que o naval galego manteña o seu nivel de internacionalización".

O 'Omvac doce' é a construción 279 de Nodosa na súa historia que chega nun momento no que a empresa cofía en seguir crecendo tras a adquisisión de Factoría Naval.