Noites Abertas 2026: 157 sesións de lecer, cultura e diversidade para a mocidade pontevedresa

Pontevedra
26 de xaneiro 2026

O Concello de Pontevedra presenta a 27ª edición do seu programa xuvenil, que mobiliza a un cento de monitores de tres continentes e ofrece 98 actividades gratuítas

Presentación de Noites Abertas 2026 Concello de Pontevedra

O "bo rollo" volve apoderarse das fins de semana en Pontevedra. O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, acompañdo de diversas persoas da organización, presentou este luns a edición número 27 de Noites Abertas, o programa de lecer nocturno máis antigo e consolidado da cidade.

Desde o seu nacemento en 1999, a iniciativa non deixou de medrar, e este 2026 chega cun despregue con 157 sesións de 98 actividades diferentes que se desenvolverán ao longo de 15 xornadas en oito espazos distintos do municipio.

Entre o venres 30 de xaneiro e o 28 de marzo, a mocidade de entre 12 e 30 anos poderá gozar dunha programación que destaca pola súa enorme diversidade.

Para o concelleiro, o éxito do programa reside na propia esencia de Pontevedra como "cidade acolledora".

Este ano, o equipo de 118 monitores e monitoras que fan posible as actividades proceden de dez países e tres continentes diferentes (ao participar persoas procedentes de Chile, Exipto, Suecia ou Uruguai), convertendo Noites Abertas nun escaparate de convivencia internacional.

A oferta de actividades fuxe do convencional para ofrecer propostas que mesturan o lúdico co educativo e o artístico. Durante a rolda de prensa, varios monitores debullaron as súas propostas. Sandra Gade e Nazan L. Bamio, da compañía LaGriot’te, destacaron a importancia de espazos como "Escena Aberta" para que os mozos e mozas empaticen e se comuniquen máis alá das palabras a través do teatro.

Pola súa banda, o ilustrador chileno Bowen convidou á creación comunitaria mediante o debuxo colectivo, destacando que, nun mundo dominado pola intelixencia artificial, Noites Abertas aposta pola "conexión humana e a creatividade real".

Actividade de cociña en Noites AbertasNoites Abertas - Concello de Pontevedra

Unha das grandes novidades que promete converterse no centro de todas as conversas é o "Campionato Marrón" (ou xogo da caca). Promovido pola asociación ASSEII (enfermidades inflamatorias intestinais), busca romper tabús sobre a saúde dixestiva de forma divertida e educativa a través de xogos como o "Tres en Caca" ou o "Rappé Marrón".

A programación de 2026 reafirma o seu compromiso coa inclusión social. Paula Vilaverde, representante da asociación Down Pontevedra "Xuntos", lembrou que o programa de acompañamento no ocio non está dirixido só aos seus usuarios, senón a calquera persoa con discapacidade intelectual da cidade.

Grazas á coordinación co monitorado, garántese que estas persoas formen parte das actividades de maneira "inclusiva e real", contando con apoios específicos se fose necesario.

O programa inclúe desde deportes tradicionais (fútbol sala, bádminton ou tenis de mesa) e actividades de vangarda (realidade virtual co Beat Saber ou esgrima con sabres de luz) ata obradoiros de cociña galega (orellas e rosquillas) e roteiros nocturnos.

As actividades distribuiranse en espazos emblemáticos como o Colexio Froebel, a Casa Azul, o Local de Música ou o propio Cemiterio de San Amaro, que acollerá o escape room "Aires de morte".

Toda a información e as inscricións para as actividades que o precisen xa están dispoñibles na web oficial noitesabertas.gal.