Os seis locais vacantes no mercado municipal da rúa de Frei Xoán de Navarrete non espertaron interese algún. A convocatoria para cubrir estes postos quedou deserta. O Concello non recibiu ningunha proposta durante o prazo habilitado para elo, aberto desde o pasado 5 de xuño. Durante o procedemento tampouco se presentou alegación algunha, polo que o expediente concluirá unha vez que a Xunta de Goberno Local o aprobe definitivamente.
A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, sinalou que o goberno municipal "fixo o que tiña que facer e lle demandaban os comerciantes alí asentados", sacando a concurso os espazos vacantes a uns prezos que, entende, "non teñen competencia". Lamentablemente, engadiu, non hai interese empresarial en facerse con estes locais, polo que seguirán baleiros.
A iniciativa englobaba seis locais, aínda que, en realidade, tratábase de cinco, toda vez que dous deles están unidos. En concreto, os locais 17 e 19 (15,51 metros cadrados), o 18 (11,17 metros cadrados), o 20 (17,30 metros cadrados), o 21 (10,23 metros cadrados) e, finalmente, o local número 22, con 12,23 metros cadrados. Todos eles están situados na galería do edificio apegado á entrada principal do hospital Miguel Domínguez.
Os locais foron ofertados por un período concesional de 25 anos. Os licitadores debían presentar ofertas que, como mínimo, cubriran o importe das taxas fixadas no prego de condicións, que oscilaban entre os 20.331,64 e os 32.968,86 euros.
Carlota Román destacou que con Frei Xoán de Navarrete tratábase de dar un segundo paso na regularización administrativa dos mercados municipais do centro urbano. Lembrou que está a rematar a adxudicación dos postos vacantes na Praza de Abastos conforme ás ofertas recibidas. A edil agarda que todo o procedemento poda estar rematado en setembro ou outubro, tras revisar as ofertas e o correspondente dereito de tanteo entre os titulares dos postos contiguos.