Notan un "repunte" na rehabilitación de edificios no centro histórico

Pontevedra
13 de xuño 2017

A solicitude para rehabilitar un edificio na rúa Real e a licenza de primeira ocupación para unha residencia da terceira idade no antigo edificio de Almacenes Rodiño son os últimos exemplos que demostran o repunte que os servizos urbanísticos do Concello están a detectar nas rehabilitacións de inmobles do centro histórico

Antigo edificio de Almacenes Rodiño rehabilitado para centro de día
Antigo edificio de Almacenes Rodiño rehabilitado para centro de día / Mónica Patxot

A solicitude para rehabilitar un edificio na rúa Real e a licenza de primeira ocupación para unha residencia da terceira idade no antigo edificio de Almacenes Rodiño son os últimos exemplos que demostran o repunte que os servizos urbanísticos do Concello están a detectar nas rehabilitacións de inmobles do centro histórico.

Así o destacou este martes a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías, que celebrou especialmente que moitos destes proxectos sexan para vivendas ou comercios que non son hostalería e que virán a diversificar a oferta deste ámbito da cidade.

A Oficina Técnica de Rehabilitación informou 36 expedientes e 12 autorizacións diante da Consellería de Cultura dende o pasado marzo. Trátase en todos os casos de licenzas para obras maiores. A elas hai que engadir as solicitudes de autorización para obras menores e obras de locais.

Con respecto á residencia que estará situada na rúa Don Gonzalo, a Xunta de Goberno do próximo luns concederá a licenza de primeira ocupación. O centro formará parte dun complexo residencial e asistencial para maiores.

"Estamos diante dun exemplo de boa práctica empresarial", indicou Anabel Gulías, quen lembrou que ofertará 39 prazas de aloxamento para maiores nun réxime semiautónomo e creará 20 postos de traballo.

TERRAZAS E MISIÓN COMERCIAL

Con respecto á ordenanza de terrazas, Anabel Gulías explicou que xa está redactado o borrador da nova normativa. Antes de entregalo ás partes interesadas para a súa revisión, os técnicos municipais terán que emitir un informe e o Concello tamén quere falalo coa Policía Local, para que teña "todos os avais posibles" de cara a súa presentación.

Tamén hai novidades coa misión comercial. O goberno municipal manterá este mércores un novo encontro con AEMPE, AJE e a Cámara de Comercio para facilitarlles nova información e as últimas propostas que chegaron ao Concello, tanto de convites para incluír na axenda como de empresas que pediron formar parte da comitiva.

A patronal tamén aportará as súas achegas para lograr que esta misión comercial sexa "o máis fructífera" posible para todos, segundo indicou a responsable de Promoción Económica.