Nova alerta laranxa en temporal costeiro con ondas de ata 7 metros en Pontevedra

Pontevedra
02 de abril 2018

Prevese que a situación se estenda ata a costa de Lugo a partir da madrugada do mércores 4 de abril. A Xunta de Galicia recomenda que se extremen as precaucións 

O mar durante a alerta laranxa do día 29 de marzo Alejandra Iannone

Tras unha Semana Santa marcada polas choivas, parece que os pontevedreses aínda non poderán pechar os seus paraugas. Estímase que as precipitacións na cidade continúen ata o mércores, con ceos poucos despexados e unha alerta amarela por vento en distintas zonas de Galicia. A Xunta, así mesmo, anunciou a activación dunha nova alerta laranxa por temporal costeiro a partir do martes 3 de abril nas provincias da Coruña e Pontevedra.

Repítense, desta maneira, as previsións que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) anunciaba hai catro días, esta vez con ondas de ata 7 metros e vento de suroeste de forza 7 e 8. Ademais, prevese que o nivel laranxa se estenda ata a costa de Lugo a partir da madrugada do mércores 4.

Como é costume, a Xunta de Galicia incide na importancia de seguir as medidas de protección ante este tipo de inclemencias meteorolóxicas. Recoméndase evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos, ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras.

En canto á alerta por ventos, é conveniente evitar actividades ao aire libre ou os desprazamentos, así como empregar vehículos lixeiros, como bicicletas ou ciclomotores. En todo caso, antes de conducir un automóbil, é recomendable consultar o estado das estradas.

Mediante a páxina web do CIAE 112, pódense consultar informacións meteorolóxicas actualizadas para seguir a evolución do temporal.