A nova 'caixa benvida', que incide na vacinación e nos cribados, estréase no Hospital do Salnés

O Salnés
05 de marzo 2025

Un recén nado, Pablo, e súa nai, Anca, son os primeiros en recibir esta nova caixa con materiais para o coidado e hixiene neonatal e, desde agora, para a prevención e diagnóstico de enfermidades

Antonio Gómez Caamaño e Fabiola García entregan a primeira das novas 'caixa benvida'
Antonio Gómez Caamaño e Fabiola García entregan a primeira das novas 'caixa benvida' / Xunta de Galicia

Ata o Hospital do Salnés trasladáronse este mércores os conselleiros de Sanidade e Política Social, Antonio Gómez Caamaño e Fabiola García, para facer entrega da primeira 'caixa benvida' que, tras a súa renovación, incide na importancia da vacinación e dos cribados neonatais.

Esta é unha cesta coa que a Xunta de Galicia agasalla aos nenos e nenas que nacen nos hospitais da rede sanitaria pública galega.

Un recén nado, Pablo, e súa nai, Anca, convertéronse nos primeiros pacientes en recibir este novo formato que, xunto cos habituais materiais destinados ao coidado e hixiene neonatal, inclúe recomendacións para a prevención e diagnóstico temperá de posibles enfermidades.

Así, a nova carpeta inclúe un código QR para que as familias poidan consultar, de xeito permanente, o calendario galego de inmunización ao longo da vida e as súas actualizacións.

Este novo formato inclúe as últimas novidades incorporadas ao calendario vacinal, como é o caso da vacina fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS) que, segundo o titular de Sanidade, mantén a Galicia co programa de vacinación "máis completo do mundo".

Xunto con este código QR e a cartilla de vacinación, tamén se achega a documentación e o material necesario para participar no programa de detección precoz de enfermidades xenéticas, endócrinas e metabólicas.

Esta iniciativa permite diagnosticar e tratar enfermidades antes de que os síntomas sexan clinicamente evidentes e sitúa o sistema sanitario galego como líder a nivel estatal.

Sobre este particular, e tras a recente incorporación de tres novas patoloxías -en novembro do pasado ano-, a sanidade galega é quen de detectar de xeito temperá un total de 37 metabolopatías conxénitas primarias e outras 14 de tipo secundario.

Gómez Caamaño apuntou que, entre xuño de 2000 e decembro de 2024, máis de 476.000 nenas e nenos galegos participaron neste programa, o que permitiu diagnosticar un total de 705 patoloxías.

Desde a súa implantación, a Xunta xa entregou esta 'caixa benvida' a máis de 130.000 a familias galegas no momento de nacer o seu fillo, segundo destacou Fabiola García.

Ademais de ser un agasallo para as nais e pais, estas cestas están feitas co traballo e esforzo de usuarios de máis dunha vintena de entidades de atención á discapacidade de toda Galicia.