Nova campaña de educación non sexista en Bueu

Bueu
19 de decembro 2017

O acto de entrega de calendarios coa imaxe da campaña celebrouse este martes no IES Johán Carballeira de Bueu

Presentación da XI Campaña de Educación Non Sexista Concello de Bueu

O IES Johán Carballeira de Bueu acolleu a presentación da XI Campaña de Educación Non Sexista, na que estiveron presentes Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, Teresa López, edil de educación, e Montserrat González, directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM).

A presentación consistiu na entrega dos calendarios confeccionados coa imaxe gañadora do certame de viñeta e ilustración "A igualdade no traballo" convocado con motivo do 8 de marzo, no que Marta Piñeiro Torres resultou gañadora deste certame.

Entre os obxectivos desta campaña está a eliminación dos roles e estereotipos sexuais, favorecer as relación de equidade entre o alumnado e rexeitar a desigualdade, así como sensibilizar dun xeito activo ao alumnado, a fin de erradicar a violencia de xénero e as relacións de poder asimétricas.

Durante o acto, Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, destacou que "a igualdade debe ser real dende a infancia", e por iso agradeceu aos rapaces e rapazas que ano a ano participan nas diversas campañas organizadas dende o CIM.

No mesmo sentido falou a edil de educación, que reiterou o papel que xoga a formación para lograr acabar con esta lacra social, xa que "vós sodes o futuro", sentenciou. E é que unha das liñas de traballo máis importantes do CIM de Bueu é precisamente o impulso da coeducación, da educación en valores e libre de desigualdades para lograr un mundo máis xusto.

A comezos do ano que vén se vai presentar o IV Plan de Igualdade, que terá unha vixencia de catro anos e que será o instrumento básico á hora de traballar a igualdade dende os diferentes eixos.