A nova comisaría da Policía Nacional en Pontevedra "avanza despacio"

Pontevedra
20 de maio 2025

Abel Losada asegurou que o Goberno de España está a traballar para solucionar esta carencia, "pero nin vai ser a curto prazo, nin pode ser". A proposta sigue sendo a Casa do Mar

Casa do Mar de Mollavao
Casa do Mar de Mollavao / Mónica Patxot

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, admitiu que "avanza despacio" o proxecto para dotar á capital dunha nova comisaría da Policía Nacional.

Trátase dunha necesidade que nace desde o mesmo momento de construción da actual que ten unhas características inaxeitadas para a súa función, está situada en pleno centro da cidade e carece de garaxe.

Abel Losada asegurou que o Goberno de España está a traballar para solucionar esta carencia, "pero nin vai ser a curto prazo, nin pode ser".

Existe unha proposta para construír a comisaría provincial nos terreos da actual Casa do Mar de Mollavao, que é da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, por tanto un órgano estatal.

Ten ao seu carón unhas instalacións do Instituto Social da Mariña, "que hai que ver como se compatibilizan coa propia comisaría", apuntou o subdelegado.

Este solar xa foi supervisado por técnicos do Ministerio do Interior que deron o seu visto e prace.

A día de hoxe, o asunto está xa no servizo de Arquitectura da Policía Nacional, que está a recompilar información previa, incluídas as referencias catastrais e a información urbanística que se solicitou no seu día ao Concello de Pontevedra.

"Fixéronse, por tanto, os deberes e esperemos que pronto se dispoña dos estudos de necesidades e se contrate a redacción do proxecto", indicou Abel Losada.

"A min o que me traslada o comisario é que o proceso vai avanzando e cónstame que el está moi interesado e que está encima do tema", manifestou.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que nos 26 anos que leva como rexedor "nunca houbo ningunha intención" por parte do Goberno de España de cambiar a comisaría polo que agora aprecia "un cambio substancial" co actual subdelegado que está a dar pasos para trasladala.

Losada tamén engadiu que tamén se está a buscar un lugar axeitado para a comisaría de Marín, que actualmente se atopa situada nun baixo comercial dun edificio de vivendas, "creo que é a única de España" nesta situación que implica, entre outras cousas que "teñen que ir ás reunións da comunidade de veciños".