Nova estética e mellor mobilidade para a rúa Doutor Batallán de Moraña

Umia
30 de marzo 2022

O proxecto prevé renovar as dúas beirarrúas, amplialas lixeiramente e crear unha plataforma única no tramo próximo ao cruce coa Rúa 1.Tamén inclúe pasos de peóns elevados no pavimento para dar continuidade a ese ancheamento das beirarrúas e un badén redutor de velocidade para calmar o tráfico que une Moraña con Caldas

Rúa Doutor Batallán
Rúa Doutor Batallán / Concello de Moraña

O Concello de Moraña encargou un proxecto para humanizar a céntrica rúa Doutor Batallán, que cambiará a súa estética e a súa mobilidade, mellorando sobre todo as súas beirarrúas e gañando novos espazos para o tránsito peonil.

O alcalde, José Cela, anunciou este mércores que o Concello encargou a elaboración do proxecto, que se aplicará entre o cruce co edificio do Concello e o fin do centro urbano, en dirección ao núcleo rural de O Covelo.

Para financiar esta actuación, o Concello de Moraña solicitou unha subvención á Deputación de Pontevedra, a través do Plan Concellos. A obra licitarase por 207.014 euros (IVE incluído) e o Concello fará unha achega de 40.000 euros.

O proxecto prevé renovar as dúas beirarrúas, amplialas lixeiramente e crear unha plataforma única no tramo próximo ao cruce coa Rúa 1.

Tamén inclúe pasos de peóns elevados no pavimento para dar continuidade a ese ancheamento das beirarrúas e un badén redutor de velocidade para calmar o tráfico que une Moraña con Caldas.

José Cela explica que o obxectivo deste proxecto é mellorar a mobilidade urbana do centro, completando outras obras pendentes que suporán un cambio substancial en Santa Lucía, como a humanización da Rúa 7 ou a remodelación da Rúa 6, xunto ao Multiusos.

"O que facemos agora é continuar con esta batería de proxectos urbanísticos importantes para Moraña, dotando a Doutor Batallán de mellor mobilidade e accesibilidade, eliminando barreiras arquitectónicas", explica.