Nova glorieta no acceso á cidade infantil Príncipe Felipe

Pontevedra
12 de agosto 2018

Demoleuse a caseta de vixilancia e habilitouse unha glorieta provisional que regula a circulación e obriga a reducir a velocidade dos vehículos na zona

Obras na nova glorieta no acceso á cidade infantil Príncipe Felipe
Obras na nova glorieta no acceso á cidade infantil Príncipe Felipe / Deputación Provincial

Están a acometerse obras no acceso á cidade infantil Príncipe Felipe. Nas últimas horas creouse unha glorieta provisional nese punto para regular a circulación e obrigando a reducir a velocidade dos vehículos nesa zona.

A empresa construtora  EC Casas levou a cabo a demolición da antiga caseta de vixilancia e control de entrada ás instalacións, formigonou as beirarrúas e plantou árbores na contorna deste espazo.

Esta situación quedará provisional ata que se retomen as obras o día 27 de agosto, despois de dúas semanas de vacacións que toma a construtora. Para entón está previsto implantar o sentido circular do tráfico que evitará o perigo que sufrían os condutores cando pretendían entrar ou saír do centro debido a que este acceso atópase nunha curva na que os vehículos adoitan circular a alta velocidade.

A caseta de acceso foi instalada noutro punto. Queda por realizar a instalación da glorieta definitiva axardinada, o novo punto de control e a nova iluminación.

As obras contan cun prazo de execución de seis meses. Desde a  Deputación espérase que estean finalizadas no outono se non se rexistran complicacións.