Nova imaxe na procesión do Luns Santo para a mesma devoción da Vera Cruz

Pontevedra
27 de marzo 2018

O traslado a Santiago da imaxe do Nazareno, que era empregada desde 2014 na recuperada procesión do Luns Santo, obrigou á organización a utilizar outra talla. Este martes ás 21.00 horas vai desenvolverse a procesión de Jesús Nazareno e María Santísima da Esperanza

Procesión do Cristo das Caídas
Procesión do Cristo das Caídas / Diego Torrado

O peche do convento de Santa Clara tivo tamén consecuencias para o desenvolvemento dos actos procesionais da Semana Santa en Pontevedra. O traslado a Santiago da imaxe do Nazareno, que era empregada desde 2014 na recuperada procesión do Luns Santo, obrigou á organización a utilizar outra talla.

Nesta ocasión, a confraría da Vera Cruz utilizou para a procesión do Cristo das Caídas outra figura que era empregada tradicionalmente no desfile do Xoves Santo na que Cristo aparece portando a cruz sobre o seu ombreiro esquerdo cunha túnica  lila e unha coroa de espiñas.

Máis de trinta costaleiros portaron este paso e decenas de persoas participaron nesta comitiva polo centro histórico, que contou coa interpretación de motetes a cargo do Coro dos Ex-Cantores dos Institutos e do Coro Luís García Limeses. 

MARTES SANTO

Ás 21.00 horas deste martes comezará a procesión de Jesús Nazareno e María Santísima da Esperanza na que é protagonista a confraría do noso Padre Jesús del Silencio, acompañada pola confraría del Mayor Dolor. Sairá de San Bartolomé para percorrer Sarmiento, rúa Princesa, a Praza do Teucro, Manuel Quiroga, Soportais, A Ferrería e Pasantería ata regresar á igrexa de San Bartolomé.