Nova petición para que a Xunta resolva os problemas de pingueiras no CEIP Froebel

Pontevedra
04 de novembro 2022

Os grupos do PSdeG-PSOE e do BNG reclamaron na comisión de Educación e Cultura que a consellería asuma a terceira fase das obras coa substitución da actual cuberta do patio interior pola que se filtra a auga

CEIP Froebel
CEIP Froebel / Mónica Patxot

Paloma Castro, parlamentaria socialista, presentaba este venres unha proposta na Comisión de Educación do Parlamento de Galicia para esixir á Xunta a reforma inmediata da cuberta do CEIP Froebel de Pontevedra, un proxecto que o executivo galego se comprometeu a abordar no ano 2010 e continúa sen resolverse na súa totalidade. 

A representante do PSdeG-PSOE asegurou que é "inconcibible" que un centro de ensino público estea cheo de cubos por culpa das pingueiras que se xeran cada vez que chove nas instalacións afectando o patio interior do colexio e aos corredores de acceso ás aulas.

Lembrou a imaxe que se repite todos os anos con cubos cheos de auga e toallas secando o piso, ademais de conos alertando aos escolares das zonas por onde deben pasar.

A esta petición sumouse tamén o grupo parlamentario do BNG a través de Daniel Castro, que acusou á Xunta de "botar balóns fóra" en lugar de resolver a situación dun centro referencial para Pontevedra. 

Moisés Rodríguez, representante do grupo parlamentario do PP, responsabilizou en parte o Concello de Pontevedra desta situación ao sinalar que o mantemento e conservación das instalacións corresponden ao goberno local e "a cuberta verde necesita mantemento e igual así evitariamos as pingueiras que hai debaixo". 

Fixo un repaso ás actuacións realizadas no centro desde que se decidiu en 2011 asumir a reforma cun orzamento de 1,7 millóns de euros. A primeira e a segunda fase foron abordadas entre 2012 e 2016 cun investimento de 809.000 euros.

Rodríguez recoñeceu que aínda faltan as obras da terceira fase que afectan á fachada que linda con Xeneral Martitegui e ás aulas de primaria, do mesmo xeito que á substitución da cuberta. Admitiu que se trata de intervencións de maior alcance.

Do mesmo xeito que nunha anterior comisión de Educación, o goberno da Xunta alega que as obras obrigarán a recolocar os ao redor de 250 escolares noutros centros ao longo do ano que duren os traballos. Tamén indicou que, debido á pandemia do covid, foi necesario adiar esta terceira fase para concluír coa necesidade de revisar e adaptar os custos do proxecto de 2011 aos prezos actuais. 

O representante do PP indicou que a Consellería se comprometeu pero "as decisións teñen que estar ben medidas". Lembrou que en Pontevedra se afrontan outros proxectos como as reformas do Centro Carlos Oroza e do IES Valle Inclán. "Facelas todas ao mesmo tempo é complexo", alegou.

Na quenda de réplica, Paloma Castro acusou á Xunta de Galicia de "vender fume" e sinalou que no proxecto inicial estaba previsto que o cambio de cuberta se efectuase durante os meses non lectivos do verán.

"Este centro nunca é unha prioridade", afirmou lembrando que a situación actual supón un prexuízo para a saúde debido ás humidades constantes e que o problema da cuberta é estrutural, segundo os técnicos municipais. Por este motivo, reclamou que se inclúa esta actuación nos orzamentos de 2023 da administración autonómica.