É unha piscina? Non, é unha nova inundación no patio interior do colexio Froebel tras as fortes chuvias

Pontevedra
20 de xuño 2023

Durante estes días de precipitacións, a escola está a sufrir unha masiva caída por unha das baixantes que provoca asolagamentos nun dos corredores do patio deste colexio público de Pontevedra, que leva anos sufrindo esta situación sen que a Consellería de Educación asuma o cambio da cuberta por onde se producen filtracións de auga todos os invernos

A auga inunda os corredores do patio interior do CEIP Froebel / PontevedraViva

Os caldeiros que todos os invernos permanecen polo patio interior do CEIP Froebel de Pontevedra para recoller as múltiples pingueiras xa son insuficientes. Agora a auga baixa como unha fervenza por unha das columnas do patio deste centro público para estenderse polo corredor lateral ata descender polas escalinatas e permanecer estancado no cemento diante da plataforma que se utiliza como escenario durante o acto fin de curso.

A situación é dantesca e o equipo directivo do centro, a ANPA e o persoal de limpeza xa non sabe que facer ante este panorama terceiromundista. Tanto a semana pasada como este luns, tras as fortes chuvias o CEIP Froebel atopábase asolagado en diferentes zonas sen que ningunha autoridade competente asuma os riscos que conleva este escenario.

Este mesmo luns, pais e nais de alumnado do centro mantiñan unha reunión informal na Biblioteca de Pontevedra para estudar que decisións adoptar para que esta situación non se repita no futuro. Eva Lourenco, presidenta da ANPA do centro, afirmaba a PontevedraViva que agora que está a finalizar o curso (o mércores 21 conclúen as clases) non van adoptar ningunha medida de presión para dar un prazo co obxectivo de que a Xunta de Galicia reaccione e acometa a obra de cambio de cuberta demandada desde hai anos.

Ameazan con iniciar accións de protesta en setembro se estas escenas continúan. Sinala que en decembro de 2022 se reuniron co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, quen lles indicou que era necesario realizar un novo proxecto para o cambio de cuberta e así adaptarse aos novos custos de materiais. Estaba previsto que en maio este proxecto estivese finalizado e fóra aprobado pola Xunta de Galicia. Non foi así, este 19 de xuño o proxecto nin sequera está elaborado, segundo explica Eva Lourenco.

Eva Lourenco, presidenta da ANPA: "en setembro estamos dispostos a facer de todo"

"Tiñan que comezar a obra o vindeiro curso pero nada", explica a presidenta da asociación de nais e pais do Froebel. Explica que agora Pérez Ares se escusa en que as partidas destinadas a esta obra investíronse na reforma do IES Valle Inclán. Unha desculpa que non lles serve: "agardamos que atendan o problema e se non, en setembro estamos dispostos a facer de todo", avisa Lourenco.

A semana pasada falaron co Concello, administración responsable do mantemento do centro, para denunciar a situación. Enviaronlles persoal a limpar as canlóns pero, segundo afirma Eva Lourenco, as raíces das herbas que creceron sobre a cuberta son tan grandes que "furaron as canaletas e hai buracos por todas partes e, por iso, a auga entra". 

"O Concello bota a culpa á Xunta e a Xunta ao Concello pero é culpa dos dous", sinala a representante das familias. "O mantemento é un 30% pero o 70% da culpa corresponde á Xunta por non cambiar a cuberta do colexio, presupostada desde o 2012", engade.

Un curso máis, o CEIP Froebel continúa cun problema histórico e que non ofrece visos de resolverse, polo menos, a curto prazo.