Este martes tiña lugar unha nova concentración do persoal do Centro tutelar de menores Avelino Montero como modo de protesta ante a decisión da Xunta de Galicia de eliminar catro postos de educadores.
Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT e traballador do centro, sinala que esa medida supón ignorar o informe da Fiscalía de Pontevedra onde se recolle que se incrementaron os delitos de menores en máis dun 80% con accións novas que, se antes eran residuais, agora incrementáronse en relación con agresións sexuais.
"Temos que ter un carácter reeducativo e a categoría educativa non debe ser minorada", explica Vidal, quen lembra que, na actualidade, o Centro Avelino Montero se atopa a un 80% da súa capacidade coas unidades das que dispón.
Lembra tamén que a Xunta de Galicia está a remodelar o centro coa primeira fase xa concluída e a segunda paralizada. "Parece unha escusa para non contratar, eliminar postos de traballo e leva camiño da privatización como sucedeu noutros centros", asegura o representante sindical ao lembrar que o centro pontevedrés é o único con carácter público íntegro en Galicia.
María García, de CC.OO., sinala que continuarán coas protestas ata que haxa "noticias favorables" aos seus intereses insistindo en que a función educativa neste centro é individualizada e sinalando que as baixas e permisos non se cobren.
Actualmente estase negociando coa Consellería de Política Social a relación de postos de traballo e os representantes sindicais indican que xa presentaron as alegacións para facer fronte á intención da Xunta de retirar a educadores deste centro creando equipos na xefatura provincial, que tampouco contemplan a figura educativa. "Din que no futuro se contratarán pero coñecemos os futuros da administración e son moi cicateros", sostén Ramón Vidal.
Insisten en que o Centro Avelino Montero "non pode ser un aparcamento de menores ata que son maiores de idade e despois mandalos para A Lama" e avogan por unha reeducación reflexiva e non impositiva para que o traballo educativo sexa efectivo de futuro.
"Temos grandes logros", afirma o representante sindical, "formamos rapaces que agora están nas forzas armadas e de seguridade do Estado", explicou Vidal ao utilizar exemplos de reconversión de mozos que pasaron, anos atrás, polo centro pontevedrés.